Lourdes Domínguez quédase ás portas do título en Marrakech tras caer na final ante Schiavone (6-1 e 6-3)
Por Redacción
Non puido ser. Lourdes Domínguez quedou polo momento sen levantar o seu terceiro título WTA na que supoñía a súa quinta final neste tipo de torneos.
A tenista pontevedresa, número 59 do Mundo, caeu na final de Marrakech ante Francesca Schiavone por 6-1 e 6-3 despois dunha hora e 34 minutos de partido.
O torneo, que se xoga en terra batida, deparara unha traxectoria brillante de Lourdes Domínguez, deixando polo camiño á xaponesa Misaki Doi (6-2, 4-6, 6-2), á búlgara Tsvetana Pironkova (1-6, 6-4, 6-3) e á holandesa Kiki Bertens (6-4, 4-6, 6-3). Non obstante Schiavone, número 48 do ránking e gañadora de Roland Garros en 2010 foi demasiado rival para a lerezana, que só a gañou unha vez en toda a súa carreira, concretamente no seu primeiro enfrontamento no ano 1998.
Nos dobres de Marrakech Lourdes Domínguez quedouse ás portas da final xunto a Arantxa Parra despois de caer en semifinais ante Timea Babos e Mandy Minella por 3-6, 7-6 (6) e (10-8).
A pontevedresa gañou esta tempada dous títulos en dobres, Acapulco e Katowice.