Triunfo da Selección Española de fútbol sala ante Finlandia nun Municipal vestido de gala (3-1)
Por Diego Espiño & Mónica Patxot
Pontevedra respondeu á chamada da Selección Española absoluta masculina de fútbol sala e rozou o cheo no Pavillón Municipal dos Deportes para ver en directo os actuais subcampións de Europa.
O combinado nacional derrotou con merecemento a Finlandia no primeiro dos seus dous encontros amigables previstos en Galicia (o segundo será este martes en Ferrol), pero a súa falta de acerto na finalización evitou que fose un choque cómodo.
José Venancio apostou na Boa Vila por un equipo cheo de caras novas e con poucos adestramentos xuntos ás súas costas, no que supón o inicio do ciclo mundialista, e aínda que se notou nalgunhas accións, España rendeu a bo nivel.
Así o dominio foi da Vermella desde os compases iniciais, con dous lanzamentos perigosos de Rafa Usín que desviaba con acerto Savolainen. O gardameta finlandés foi o mellor xogador do encontro mantendo un marcador curto e que chegou a inquietar nas bancadas.
Non conseguía chegar o cadro nórdico con perigo, e limitábase a defender con orde e acerto as acometidas españolas, ata que no minuto 5 Andresito finalizaba unha xogada ensaiada a tres toques nunha falta lateral para inaugurar o marcador. O guiou non cambiou, e comezou o carrusel de fallos en ataque dos españois, que mesmo mandaron ao limbo un penalti cometido sobre Solano e un dobre penalti, o primeiro nos pés de Rafa Usín e o segundo de Adri Ortego.
Os minutos íanse consumindo sen que o combinado nacional conseguise ampliar diferenzas para facer xustiza co seu xogo, e mesmo a falta de 7 segundos para o descanso puido pagalo caro nunha falta frontal que lanza Autio Pano e remata de tacón Hosio Mika obrigando a Didac Plana a enviar a córner.
Foron moitos minutos sen acerto, e con todo tras o intermedio España tardou apenas 59 segundos en facer o segundo por medio de Rafa Usín, aproveitando un servizo de Eric Martel desde a esquina.
O público divertíase co encontro e ansiaba máis goles, pero o que non esperaba é que tras desperdiciar varias opcións o que recortaría distancias fose o equipo finlandés, ao aproveitar Autio Pano un erro defensivo e interceptar un pase de Javi García para enviar o balón ao fondo da rede. O tanto espabilou aos de José Venancio, que tardaron un minuto exacto en devolver as cousas ao seu sitio e poñer o que sería o definitivo 3-1, nunha deixada de Solano desde o pivote para a entrada de Manuel Urbano para fusilar.
Aínda faltaban 12 minutos para o final do encontro, pero o marcador xa non se movería a pesar das ocasións, incluída unha de Finlandia nun disparo de Petri que se estrelou na madeira. Nada en todo caso que embazase unha bonita tarde-noite no Pavillón Municipal dos Deportes.
ESPAÑA (3): Didac Plana, Marc Tolra, Dani Saldise, Eric Martel, Rafa Usín -cinco inicial- David García, Manuel Urbano, Adri Ortego, Andresito, Adri Martínez, Raúl Campos, Javier García, Solano, Fabio Oltra.
FINLANDIA (1): Savolainen, Korsunov, Hosio Mika, Korpela Jani, Rautiainen -cinco inicial- Kolvumaki, Kasper, Autio Pano, Hume Miika, Petri, Torvinen, Jukka, Jamo, Lassi, Rami, Teittinen.
Árbitros: Álvaro Cid e Carlos Martínez. Amoestaron a Adri Martínez en España e a Savolainen, Petri, Jamo e Hosio Mika en Finlandia.
Goles: 1-0 Andresito (minuto 5), 2-0 Rafa Usín (minuto 21), 2-1 Autio Pano (minuto 26), 3-1 Manuel Urbano (minuto 27).
Incidencias: Primeiro Trofeo Internacional Cidade de Pontevedra disputado no Pavillón Municipal dos Deportes ante preto de 3.000 espectadores.
Relacionadas:
-
José Venancio: "La organización, el público y el ambiente ha sido fantástico"
Por Diego Espiño |
-
A Selección Española de fútbol sala faise notar en Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Portas abertas no Municipal para os adestramentos da Selección Española de fútbol sala
Por Diego Espiño |
-
José Venancio desvela a convocatoria da Selección Española de fútbol sala que xogará en Pontevedra
Por Redacción |
-
As entradas para o España-Finlandia de fútbol sala, a 10 euros na venda anticipada
Por Redacción |