Vitoria do Poio Pescamar (4-3) fronte ao Majadahonda que lle despexa o camiño cara ao ascenso
Por Redacción
Descartar un rival directo e pasar a depender exclusivamente de si mesmas nas dúas xornadas que restan. Eses eran os obxectivos do Poio Pescamar fronte ao Majadahonda e os dous conseguíronse. Primeiro a vitoria por un axustado 4-3 deixa ás visitantes descartadas da loita, mentres que as rapazas de Marcio Santos disputarán dúas verdadeiras finais, a primeira a domicilio, fronte o Chiloeches, e a última en A Seca, co Alcorcón.
Iso si, houbo que sufrir e moito. Aínda que as mellores ocasións foron locais, serían as madrileñas as que se adiantaran no marcador por dúas veces, no primeiro período. O Poio non estaba fino no remate, ou mellor dito, encontrábase case sempre coa que Marcio Santos definiu como a mellor, ou unha das mellores porteiras da categoría, cuxa actuación mantivo o seu equipo no partido.
Na segunda parte o conxunto local puxo unha marcha máis no ritmo do partido. Peke poñía por primeira vez as súas por diante e Ceci ampliaba a conta co gol que parecía da tranquilidade, entre o xúbilo da bancada. Novamente Peke e despois Kiko tiveron nas súas botas a oportunidade de sentenciar, pero non acertaron e a falta de cinco minutos as madrileñas levaron de novo os nervios á afección rojilla.
Aguantou, non sen apuros, o Poio, a pesar de que as visitantes tiveron algunha oportunidade de lograr o empate, logrando que os puntos quedasen na casa, e con eles a posibilidade de seguir soñando co ascenso.
POIO PESCAMAR FS (4): Nerea, Charo, Claudia, Ceci, Peke -cinco inicial-, Carmen (p.s.), Mar, Yoli, Bibi, Anita, Kiko e Elena.
MAJADAHONDA FS (3): Laura, Marta Vaquero, Esther, Jessy, Marta Rodríguez -cinco inicial-, Sara, Ana, Marta Marín e Gabriela.
Árbitros: Álvaro Cid Bragado (Ourense) e Rocío Ruano Melón (Ferrol).
Goles: (0-1) Minuto 4: Esther. (1-1) Minuto 6: Kiko. (1-2) Minuto 18: Marta Marín. (2-2) Minuto 19: Jessy p.p. (3-2) Minuto 24: Peke. (4-2) Minuto 33: Ceci. (4-3) Minuto 35: Marín.
Incidencias: Pavillón Municipal de A Seca (Poio). Cheo. Ao finalizar o partido as xogadoras locais celebraron a vitoria co público posto de pé berrando "si pódese".
EMPATE DO LEIS EN MADRID
O Leis Pontevedra empatou a domicilio fronte ao ADAE Simancas (2-2) nun partido igualado e con resultado xusto xa que houbo un tempo para cada equipo, o primeiro para as pontevedresas, que xogaron mellor aínda que non estiveron moi acertadas ante a portaría rival, se ben lograrían dous tantos, un de Adriana e o segundo obra de Raquel.
A segunda metade foi de dominio local, aproveitando que as rapazas de Jacobo Estors baixaron o ritmo, chegando o empate cos goles de Nadia e Cris. O técnico pontevedrés intentou nos últimos compases buscar a vitoria coa opción de porteira-xogadora, pero o marcador xa non se movería.