Bo papel dos deportistas galegos na primeira xornada do Campionato de España de Dúatlon
Por Diego Espiño
Pontevedra volveu vibrar cunha intensa e interesante xornada de deporte no arranque do Campionato de España de Dúatlon na que os deportistas galegos protagonizaron unha grande actuación.
Ata seis medallas individuais e catro por equipos tiveron sabor galaico, sendo o Wild Wlof Cidade de Lugo o gran vencedor do día co primeiro posto por equipos en Elite Masculino e Feminino e Cadete Feminino, unha idade na que tamén subiu ao podio, no terceiro lugar pero en categoría masculina, o Triatlón Compostela.
No apartado individual, os deportistas subvencionados polo Centro Galego de Tecnificación Deportiva foron protagonistas en varias das probas, con especial mención a Aida Valiño en Elite Feminino, onde rematou en cuarto lugar a pesar de sufrir unha caída primeiro e unha avaría despois na súa bicicleta, aínda que foron outros dous duatletas locais os que subiron ao caixón, Gustavo Ródriguez, segundo en Elite, e Antonio Serrat, tamén prata pero en idade Júnior.
En canto ao resto de deportistas galegos a campioa mundial de paratriatlón, Susana Rodríguez, colgouse o ouro na súa categoría, ao igual Melina Alonso en sub-23. Ademais Inés Santiago e Camila Alonso, do Triatlón Ferrol, remataron segunda e terceira na proba Cadete e Júnior respectivamente.