Empate do Teucro en Alcobendas (30-30) que lle obriga a xogar contra o anfitrión Bidasoa no play-off de ascenso
Por Redacción
Pode parecer que Alcobendas e Teucro non tiñan máis obxectivo no partido que lles enfrontaba que evitar o cruzamento co anfitrión no primeiro encontro do play-off de ascenso a Liga Asobal a disputar o próximo día 11 de maio e non obstante en xogo había moito máis, polo menos para o equipo azul, había o convencemento de que este equipo pode seguir soñando e ese obxectivo conseguiuse de sobra.
Fronte a un gran rival, nun pavillón entregado, o Teucro presentou a súa candidatura. Non gañou, pero tivo contra as cordas o seu rival, que a duras penas e nos últimos minutos, axudados por unha actuación arbitral que nos últimos minutos cedeu á presión ambiental, logrou empatar un marcador que deixa as cousas como estaban tras a sorprendente vitoria do Bidasoa en Barcelona.
Deste modo o Teucro culmina unha liga sensacional e afronta o play-off sabendo que pode competir con calquera rival, sen renunciar a nada. Os de Javier Barrios xogarán contra o equipo vasco na semifinal, mentres que Alcobendas terá como rival ao Anxo Ximénez.
Sensacional primeiro tempo do Teucro que chegou a dispoñer dunha vantaxe de sete goles antes do descanso
En canto ao partido simplemente dicir que o primeiro tempo realizado polos homes de Javier Barrios só admite o cualificativo de soberbio. Dende os primeiros compases os teucristas saíron decididos a dar un golpe enriba da mesa e presentar as súas credenciais, e vaia se o fixeron. A medida que pasaban os minutos a diferenza íase incrementando a favor dos pontevedreses, que chegaron a dispoñer dunha máxima renda de sete goles a escasos segundos do descanso. O técnico madrileño intentouno todo, pero nin sequera esgotando os tempos mortos dos que dispoñía foi capaz de cambiar a dinámica duns primeiros 30 minutos de claro dominio azul.
Pero os comezos da segunda parte cambiaron radicalmente a decoración. Alcobendas sae en tromba e o Teucro non consegue parar ao conxunto madrileño. Aínda así os de Javier Barrios mantéñense no partido con rendas que oscilan entre 3 e 4 goles, ata que chega a descualificación de Borja Pedreira, no ecuador deste segundo tempo, e con ela a remontada local.
Alcobendas ponse por primeira vez por diante no marcador a falta de 15 minutos. Esfumárase unha renda que presaxiaba mesmo unha vitoria cómoda. O Teucro complicárase un partido que tiña moi ben encarrilado nuns poucos minutos de desacerto e despiste colectivo. Os madrileños, empurrados polo seu público, non se entregaron pero encontraron axeitada resposta no equipo azul.
Coa igualdade no luminoso e un verdadeiro partidazo por parte dos dous equipos, éntrase nos dez últimos minutos. Cada gol local encontra a resposta do Teucro. Alcobendas logra unha mínima renda, pero o Teucro remonta e ponse un arriba a falta de só cinco minutos.
Volve a marcar o Teucro, que se adianta con dous goles a falta de dous minutos e medio. O técnico local pide tempo morto para intentar unha reacción á desesperada. Marca Alcobendas e o seu porteiro, Carlos Donderis evita a sentenza a falta de pouco máis dun minuto cunha gran parada a lanzamento de Siscu. Os árbitros ceden á presión ambiental e deixan ao Teucro en inferioridade, excluíndo a David Chapela e Alcobendas consegue o empate definitivo a falta de 30 segundos.
B.M. ALCOBENDAS (30): Carlos Donderis, Ernesto Sánchez (p.s.); Ángel Castaño (5), César Beret (5), Markel Beltza, Manu Catalina (1), Alberto Tejón (4), Mikel Muñoz (2), Gonzalo Carró, Ignacio Jimeno (2), Adrián Prieto (1), Márquez (7), Velasco (1) e Iglesias (2).
S.D. TEUCRO (30): Juan Bar; Gonzalo García (p.s.), Aarón Vidal, Toño Fernández (3), Alejandro Pombo, David Chapela, Miguel Porto (4), Tomás Moreira (4), José Manuel Rial (4), Didac Villar (4), Carlos García (4), Borja Pedreira (1), Siscu (4) e Miguel Sío.
Árbitros: Andrés Peñaranda Ortega e José Antonio Yagüe Moros (Aragón). Descualificaron con vermello directo a Borja Pedreira (minuto 41). Excluíron por dous minutos a César Beret, Markel Beltza, Iglesias, David Chapela, Tomás Moreira e José Manuel Rial.
Marcador (cada cinco minutos): 2-3, 2-5, 4-8, 6-11, 9-14, 12-18 (descanso), 15-19, 18-21, 22-22, 25-25, 27-29 e 30-30 (final).
Incidencias: Pavillón Municipal de los Sueños (Alcobendas). Uns 1.500 espectadores.