O Pontevedra recibe o Talavera sen máis marxe para o erro: "Ya no podemos fallar"
Por Diego Espiño
Será o Xoves Santo un día de penitencia ou de resurreción para o Pontevedra? Niguén o sabe, pero o que si é seguro que "ahora sí que ya no podemos fallar".
Así o recoñece Luismi antes de recibir este xoves 29 de marzo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón o Talavera, nun encontro que "es vital ganar" para non descolgarse da pelexa pola permanencia na categoría.
Para iso faise imprescindible contar con toda a axuda posible desde a bancada, xa que "en los momentos duros es cuando realmente los necesitamos. La única manera de salir es con su apoyo", sinalou o técnico ante os medios de comunicación tras a última sesión preparatoria previa ao choque.
Os granates acumulan cinco xornadas sen gañar en liga, unha dura laxa que empeza a pesar na clasificación, situados xa a catro puntos da salvación, e reciben a un equipo situado nunha cómoda oitava praza.
Nacho López e Lezcano, ambos con problemas físicos, son as únicas ausencias obrigadas para Luismi, que recupera na convocatoria a Jimmy superada a súa lesión e a Jorge Hernández tras un encontro de sanción. Tamén cae da lista o canteirán Jesús Barbeito, titular as dúas últimas xornadas, ademais de Pacheco e Josiño.
Desta forma a convocatoria para xogar ante o Talavera está composta por 20 futbolistas, dos que dous verán o partido desde a bancada: Edu, Anxo, Adrián León, David Castro, Goldar, Darío Flores, Goldar, Prosi, Jorge Hernández, Kevin, Mouriño, Álex Fernández, Marcos Álvarez, Álex González, Añón, Pibe, Iván Martín, Berrocal, Eder e Juan Barbeito.
Pola súa banda o Talavera chegará a Pasarón cunha ausencia, a do centrocampista Melchor, por acumulación de amoestacións.
O encontro será arbitrado polo colexiado segoviano Germán Cid Camacho.