O Leis ve cortado o seu bo momento na liga
Por Redacción
Sete xornadas levaba sen perder o Leis Pontevedra na Segunda División B de fútbol sala, con cinco vitorias consecutivas, ata que chegou o Cidade de Narón para pór fin a unha serie triunfal que lle afastaba dos postos de descenso.
Os pontevedreses pagaron un mal inicio de partido ante un rival que aproveitou as súas primeiras oportunidades para tomar vantaxe no electrónico. Así os visitantes marcharon ao descanso con 0-2 no marcador.
Os de Manu Cossío cambiaron radicalmente tras o paso por vestiarios, cunha maior intensidade no seu xogo que permitiu a Sancho anotar ata en dúas ocasións para poñer as táboas, aínda que Diego volvía poñer en vantaxe ao Cidade case a continuación.
Tivo que seguir remando o Leis, ata que a falta de dous minutos Borja facía o 3-3 no medio dun choque trepidante. O duelo parecía destinado entón ao empate, ata que unha falta dubidosa xa no último minuto, co seu consecuente dobre penalti, supuxo o definitivo 3-4.
A pesar da derrota o Leis Pontevedra é undécimo na táboa clasificatoria con 25 puntos.