Oportunidade perdida para o Marcón, triunfo do Beluso en Campo Lameiro e tropezo do Sanxenxo
Por Redacción
O Marcón Atlético complícase despois de sumar a súa cuarta xornada consecutiva sen gañar na liga de Preferente, segunda derrota seguida. Os pontevedreses cederon en casa ante un rival directo pola permanencia como o Alertanavia (0-3).
Pablo García adiantou aos visitantes pasado o cuarto de hora de xogo. Quedaba moito e os de Borja Burgos puxéronse en modo remontada, con todo non estaban acertados e o marcador non se movería ao descanso.
Xa na segunda metade, cando os locais querían ir con máis insistencia a por o empate chegaría a expulsión de Álex no minuto 65 e o 0-2, case de maneira consecutiva, que terminaba coas súas esperanzas. O Alertanavia sentenciaría no minuto 76 co terceiro e definitivo tanto do encontro.
Coa derrota o Marcón queda estancado no posto 13 con 35 puntos e ameazado polas posibles prazas de arrastre a final de tempada.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Alertanavia.
Campo Lameiro e Beluso enfrontaban as súas series opostas no campo da Chanciña e a vitoria foi para o equipo que chegaba en mellor momento, o Beluso (0-1), logrando o seu terceiro triunfo consecutivo.
Foi un encontro moi disputado, no que os locais como nas últimas xornadas competiron ben pero no que terminaron pagando caros os seus erros.
O único tanto do choque chegou xa no tramo final, no minuto 73, por medio de Richi, para dar tres puntos ao seu equipo que lle afastan definitivamente do perigo.
Con este resultado o Beluso colócase noveno con 43 puntos, mentres que o Campo Lameiro prolonga o seu mal momento e achégase á zona de descenso, décimo quinto con 31 puntos.
Consulta a acta do Campo Lameiro-Beluso.
Rozou a proeza o Xuventú Sanxenxo na súa visita a un necesitado Gondomar, pero terminou cedendo no desconto (4-3) dun partido tolo e ve freadas as súas aspiracións de ascenso.
O cadro local foi mellor no inicio do partido e aos 20 minutos xa vencía por tres goles a cero. Demasiada desvantaxe para un Sanxenxo que recortou distancias antes do descanso por medio de Adrián Freire.
O xogador amarelo foi protagonista ao anotar de novo ao comezo do segundo acto e lograr empatar a falta de 5 minutos do final. O punto, dadas as circuntancias, era bo para os de Baltar de Arriba, pero o Gondomar xa no tempo de desconto puxo o definitivo 4-3.
O Sanxenxo case así á séptma posición con 54 puntos.
Consulta a acta do Gondomar-Xuventú Sanxenxo.
O que di practicamente adeus ás súas aspiracións na zona alta da táboa é o Unión Grove tras encaixar a súa cuarta derrota consecutiva, superado na casa con claridade polo Porriño Industrial (0-4).
O cadro meco non atopou boas sensacións e viuse superado desde o minuto 12, cando os visitantes tomaron vantaxe, terminando a súa resistencia co segundo gol antes do descanso.
Coa derrota o Unión Grove queda con 48 puntos na oitava posición, pero xa lonxe dos catro primeiros postos.