Os paus evitan o remontada de España ante Rusia (8-9) na semifinal da Europa Cup
Por Diego Espiño & Diego Torrado
A piscina olímpica de Pontemuíños vestiu este venres as súas mellores galas para vivir o debut da Selección Española Absoluta de Waterpolo na fase final da Europa Cup, e aínda que o público pasouno en grande non puido gozar dun triunfo do combinado nacional ao ser superado por unha aguerrida Rusia (8-9).
España accedía directamente ás semifinais como cabeza de serie pero sabía que Rusia era un óso duro de roer, e así se puido comprobar desde os primeiros compases do encontro, celebrado no medio dun gran ambiente no Complexo Deportivo Rías do Sur.
O choque comezou con moito ritmo aínda que cun mal presaxio, o lanzamento á madeira de Pili Peña na primeira posesión española, e é que os paus evitaron que España mandase no marcador no inicio e remontase ao final, mentres que Rusia, cun par de tantos cun chisco de mala fortuna para Laura Ester en portería, si acertaba en ataque nos primeiros compases.
Na súa segunda posesión o conxunto ruso inaugurou o marcador, cun penalti, aínda que Bea Ortiz empatou na seguinte acción. A xogadora do Astrapol Sabadell foi a mellor española no primeiro tramo con tres tantos, o último de penalti xa no segundo cuarto que supuxo a única vantaxe no choque de España (3-2).
Foi ese o momento de maio desacerto ofensivo das de Miki Oca, ás veces polo bo facer ruso e outras pola mala fortuna ou finalización. O caso é que o rival se distanciou cun parcial de 0-3 (3-5) e a pesar de que Clara Espar recortou distancias un novo tanto de Gorbunova case co tempo cumprido levaba o partido ao descanso con 4-6 no electrónico.
O terceiro parcial arrincou cun novo tanto ruso que poñía a máxima no marcador, pero aí apareceu a figura de Judith Forca para con tres goles consecutivos, dous deles de bela factura e case idénticos meter de novo ao seu equipo na pelexa por entrar na final (7-8), axudada por unha boa defensa e varias intervencións de Laura Ester.
Puido empatar Anni Espar cun penalti antes de finalizar o cuarto, e aínda que fallou conseguiuno no inicio do tempo definitivo cun lanzamento frontal. Máis emoción imposible. Rusia volvía tomar vantaxe a falta de 5 minutos, pero a remontada parecía posible.
Sen embargo volveu o desacerto na finalización e cada oportunidade española foi o limbo. Tamén a última a falta só de 20 segundos cando Maica García desde o posto de aboia e con todo a favor volveu topar coa madeira. Aí morreron as opcións do combinado nacional, que se ve relegado así a xogar polo terceiro posto da Europa Cup. O seu rival será Holanda, a partir das 12:15 horas deste sábado, mentres que Grecia (gañou 8-6 ás holandesas) verase as caras con Rusia na gran final a partir das 14:00 horas.