O Mapfre colócase primeiro na etapa raíña da Volvo Ocean Race
Por Redacción
Ao sexto día de navegación na sétima etapa da competición, o desafío español da Volta ao Mundo a Vela, a Volvo Ocean Race, colocouse na primeira posición da frota, xusto antes de afrontar a primeira gran borrasca que se van a atopar na etapa raíña.
A embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo realizou na última noite unha serie de manobras nas xélidas augas do Gran Sur, preto do límite da zona de exclusión por xeo, para aproveitar o primeiro role da borrasca á que se van a enfrontar e ascender á primeira posición provisional rumbo á localidade brasileira de Itajaí.
"Despois desta primeira trasluchada creo que nos posicionamos moi ben, somos o barco da frota máis ao Sur e ao Leste, liderando polo momento, o que está moi ben, incluso sabendo que todo está moi apertado", recoñece o patrón do Mapfre, o vasco Xabi Fernández.
O barco español tratará agora de manterse o máis ao sur posible, o que significa avanzar en paralelo á zona de exclusión de xeo nunha sucesión de trasluchadas con vento de case 30 nós e auga xeada varrendo a cuberta. Polo momento os resultados están a ser positivos para os seus intereses, xa que no parte de posicións das 14:00 horas deste venres o Mapfre lideraba con 8,9 millas de vantaxe sobre Dongfeng, o seu principal rival tamén na xeral, e 9,1 sobre AkzoNobel, segundos e terceiros respectivamente. Pola súa banda, Brunel e Vestas 11th Hour Racing ocupan a cuarta e quinta praza a 11 millas de distancia.
A frota da Volvo Ocean Race prepárase agora para varias xornadas de condicións extremas con vento de ata 40 nós de intensidade, cando aínda non se completou nin a metade das 7.600 millas de percorrido entre Auckland e Itajaí.
Relacionadas:
-
Ao Mapfre séguenlle saíndo as contas para pelexar pola vitoria na Volvo Ocean Race
Por Redacción |
-
Cada punto conta para o Mapfre
Por Redacción |
-
O Mapfre, ante o máis difícil aínda ao navegar con danos en metade da etapa raíña
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen e o Mapfre, listos para a etapa raíña da Volvo Ocean Race
Por Redacción |
-
O Mapfre, máis líder da Volvo Ocean Race tras o apertado final da sexta etapa
Por Redacción |