Pontevedra acolle con éxito o Nacional escolar e cadete de loitas olímpicas
Por Redacción & Diego Torrado
A emoción da loita olímpica alagou este sábado Pontevedra. O Pavillón Municipal foi o escenario no que se disputou o campionato de España de loita escolar e cadete, que reuniu aos mellores deportistas do país nesta disciplina.
Numeroso público achegouse ao pavillón durante a xornada para gozar dos combates que, en categoría masculina e feminina, desenvolvéronse ao longo de todo o día. Neles houbo, ademais, unha nutrida representación de deportistas galegos.
A competición comezaba, en horario matinal, cos loitadores en idade escolar.
Martín Pena (Villalba), prata na categoría de 85 quilos; Íker Lopez (Escola Ayude), prata en 68 quilos; Samuel García (Villalba), prata en 52 quilos; e Alexander Lemma (Cidade de Vigo), bronce en 41 quilos; foron os medallistas galegos en loita libre.
En loita grecorromana subiron ao podio Nahum Ayude (Escola Ayude), ouro en 57 quilos; Iván Iglesias (Escola Ayude), ouro en 44 quilos; Carlos Grediaga (Atila), bronce en 75 quilos; e Gonzalo Caparrós (Atila), bronce en 52 quilos.
Pola súa banda, en loita feminina lograron grandes resultados Nerea Iglesias (Escola Ayude), ouro en 66 quilos; Raquel Bravo (Atila), prata en 42 quilos; e Uxía Brea (Club de Loita Pontevedra), bronce en 70 quilos.
Galicia concluíu en terceira posición en loita libre e loita grecorromana, entre os mozos; e segunda na loita feminina.
Xa pola tarde foi a quenda do campionato de España en categoría cadete, onde os deportistas galegos tamén brillaron a un nivel extraordinario.
Así, en loita libre, Santiago Sánchez (Keltoi) foi ouro en 80 quilos; David González (Sabarís), prata en 48 quilos; Cristian Suárez (Sabarís), bronce en 71 quilos; e Anxo Uzal (Sabarís), bronce en 65 quilos.
En loita grecorromana colgaron medallas Ivan Turkan (Kuzushi), bronce en 80 quilos; Marcos Villamor (Escola Ayude) e Mario Triquel (San Ignacio), prata e bronce en 55 quilos.
Galicia foi terceira en loita libre e cuarta en loita grecorromana masculina, mentres que en loita feminina concluíu, de forma colectiva, na sétima posición ao non lograr ningunha medalla.
Os resultados completos de ambos os dous campionatos pódense consultar na páxina web da Federación Española de Loitas Olímpicas.