Triunfo para a tranquilidade do Ribadumia, empates de Arosa e Villalonga e derrota do Céltiga
Por Redacción
Importante triunfo do Ribadumia, empates con distinto sabor e valor para Arosa e Villalonga e derrota mínima do Celtiga na súa visita o líder Compostela.
Volve gañar o Ribadumia despois de catro xornadas sen facelo e conségueo á conta dun Negreira que queda en zona de descenso, o que permite ao conxunto da Senra abrir un importante colchón de seguridade para garantirse a permanencia.
Os aurinegros impuxéronse con autoridade, inaugurando o marcador no primeiro tempo por medio de Hugo Soto.
Tras o descanso Josiño, ao transformar un penalti, subía o 2-0 ao marcador, pero o Negreira non se deu por vencido e reducía distancias pouco despois por medio de Adrián Quintairos.
A tranquilidade para o Ribadumia púxoa a falta de quince minutos Jonatan Somoza, co que o Ribadumia suma tres importantes puntos que lle consolidan na zona tranquila da táboa.
Consulta o acta do partido Ribadumia-Negreira nesta ligazón.
Fixo suar o Céltiga ao líder Compostela. Cunha excelente defensa, os insulares aguantaron firmes, pero non puideron neutralizar o gol de Primo, no primeiro tempo, que deu a vitoria ao equipo local.
Dominou o partido o Compostela, que foi superior, pero non estivo acertado no remate e só aproveitou unha acción, preto da media hora, cun balón que quedou solto dentro da área, rematado por Primo para facer o gol que daría a vitoria aos locais.
Puido ampliar a conta o equipo compostelán, ao dispoñer dun penalti cometido por Manu Táboas sobre Primo, aos 38 minutos, que o mesmo Primo desperdiciou, mandando o balón por encima do traveseiro.
Na segunda parte seguiu o dominio local, con ocasións e goles anulados a pares por fóra de xogo dos seus autores, Primo e Santi, pero o marcador non se movería e o Compostela mantivo a vantaxe sen grandes apuros.
Consulta o acta do partido Compostela-Céltiga nesta ligazón.
Nin contra dez puido o Villalonga, que polo menos rescatou un punto na Grela fronte a un Silva en horas baixas. Os coruñeses queixáronse amargamente da arbitraxe do vigués Rubén Estremadura Hernández, un colexiado afeito á polémica, que mostrou nada menos que 10 cartóns amarelos aos locais, por ningún ao conxunto visitante, expulsando por dobre amoestación a Kata, aos 33 minutos de partido.
Tras unha primeira parte sen goles, ao pouco de comezar a segunda o Silva, que chegaba ao choque con catro derrotas consecutivas, adiantábase no marcador cun gol de Terra.
Superada a hora de xogo Aarón Paredes empataba para o Vilallonga, pero 10 minutos máis tarde Cañi poñía de novo en vantaxe aos coruñeses.
Cando parecía que a vitoria quedaría na casa, a falta de dous minutos marcaba de novo Aarón Paredes, rescatando un punto insuficiente para un Villalonga que eleva a nada menos que 22 o número de xornadas sen coñecer a vitoria e afúndese aínda máis no fondo da táboa.
Consulta o acta do partido Silva-Villalonga nesta ligazón.
De poder gañar a estar a piques de perder. O Arosa dá por bo o empate no sempre complicado campo de Os Carrís, fronte a un necesitado Barbadás, que tivo a última no desconto, despois de que Sidibé lograse o empate dos arlequinados ao fío do tempo regulamentario.
Primeiros minutos de mando do Arosa, especialmente en accións a balón parado e cun disparo de Vitra que se estrelou no traveseiro, ata que Cabanyes fixo efectiva a "lei do ex" rematando un pase de Jordi para adiantar aos locais, pouco antes do descanso.
Na segunda parte mentres o Barbadás trataba de manter a súa vantaxe, o Arosa foise arriba con todo e dispuxo dun claro penalti de Quintairos a Sylla (minuto 70), que Anxo non acertou a transformar, detendo o meta local Ruí.
Pero o empeño arosista tivo premio no minuto 90, cando Sidibé rematou á media volta en posición de dianteiro centro. Aínda habería tempo para un último susto, cando Martín no engadido non acertou para dar a vitoria aos locais. Non sería xusto.
Consulta o acta do partido Barbadás-Arosa nesta ligazón.
Relacionadas:
-
O Céltiga non pode cun Barbadás en inferioridade (0-0)
Por Redacción |
-
Empata o Arosa co líder, complícase o Céltiga e o Villalonga sorprende ao Ribadumia
Por Redacción |
-
Sorteado o cadro de competición da Copa Deputación de fútbol 2018
Por Redacción |
-
O Arosa volve axexar o play-off tras gañar ao Boiro e o Ribadumia empata en Ourense
Por Redacción |
-
Reacciona tarde o Arosa, dá a sorpresa o Céltiga, desconto fatal para o Ribadumia e agonía do Villalonga
Por Redacción |