Punto con bo sabor do Pontevedra ante a Ponferradina (2-2) tras remontar por dúas veces
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Empate agónico e punto de ouro dun Pontevedra que se veu dúas veces por detrás no marcador ante a Ponferradina, pero foi capaz de salvar os mobles con goles de dous defensas, David Castro e Darío Flores, nun partido presidido pola igualdade e os nervios polo moito que había en xogo. Os resultados doutros campos dan dobre valor ao empate, aínda que non permiten aos granates abandonar os postos de descenso.
De saída sorprendeu Luismi dando a alternativa no once inicial a dous canteiráns como Lezcano e Jesús Barbeito. Un tanto gris o primeiro, a pesar de poñer vontade, brillante e competitivo o segundo, que aproveitou a oportunidade para reivindicar a súa continuidade no equipo.
Ambos os equipos expuxeron sistemas similares, con defensa de tres centrais, que ao principio aproveitaron mellor os visitantes, ata que na segunda metade o Pontevedra axustou con catro atrás, para evitar as aparicións por banda de Guille Donoso. Os granates estiveron máis preto da derrota que da vitoria, por iso e pola forma en que finalizou o partido, cos de Luismi envorcados, equipo e afección saíron medianamente satisfeitos dun resultado que mantén ao equipo con opcións de escapar da queima.
Relativo equilibrio de forzas nunha primeira parte na que a Ponferradina creou máis perigo pola súa banda dereita do ataque, cun Guille Donoso sementando o pánico en cada aparición, e un Pontevedra ao que lle custou asentarse, crecendo na medida na que aparecía Álex González. Ambos os xogadores aproveitaban os espazos que deixaba o sistema de tres centrais utilizados polos dous técnicos, pero mentres o visitante contaba con máis opcións de remate, os granates non atopaban o modo de inquietar á zaga visitante.
O certo é que o primeiro cuarto de hora foi un constante sinvivir para a afección pontevedresa, que respondeu á chamada do club acudindo en moito maior número que ultimamente ás bancadas. Os de Carlos Terrazas non aproveitaron o tirón, limitándose a lanzamentos desviados, ata que o Pontevedra tería a súa primeira ocasión sería nun centro de Álex González ao que non chegou por pouco Éder, desmarcado.
Gañara terreo o Pontevedra, pero deixando espazos para as contras visitantes. Nunha delas Yuri regatea a Darío Flores, pero atópase con Edu, que rexeita. A seguinte, á media hora, sería para o Pontevedra e moi clara. Un balón prolongado por Jorge rematouno no segundo pau Éder, un tanto forzado, por encima do traveseiro.
Cos dous equipos parecendo tomarse un respiro, a Ponferradina atopou unha vez máis a Guille Donoso, con tempo para pensar e poñer un centro preciso ao segundo pau. Alí estaba Yuri, moi só, para fusilar por alto e facer o 0-1. Gol que non celebrou, pedindo perdón á bancada de Pasarón, en recordo do seu pasado granate.
Reaccionou con caste o Pontevedra, que atopou premio nun saque de esquina que caeu nos pés de Kevin Presa. O remate en semifallo foise ao segundo pau onde David Castro meteu a punteira para pasar o balón entre un bosque de pernas e asinar o empate.
Os comezos da segunda parte foron esperanzadores para o Pontevedra, que se fixo co balón encerrando ao seu rival, pero non lle deu máis que para un par de remates desde a frontal que se foron arriba, a cargo de Kevin Presa e Marcos Álvarez, antes de que o habitual "regaliño" defensivo botase por terra o traballo realizado. Un corner lanzado ao centro da área de meta por Ríos Reina e mal defendido pola zaga granate, permitiu un primeiro remate errado de Cidoncha e un segundo remate do mesmo xogador, que empuxou o balón solto para poñer de novo por diante ao conxunto do Bierzo.
Ese segundo mazazo si fixo madeixa nos granates, que quedaron a mercé das contras visitantes. Nunha delas, Álex Fernández sacou baixo paus un balón que se coaba, con Edu batido, a disparo de Yuri e noutra Menudo perdoou a puntilla, rematando fóra desde o punto de penalti, cando estaba absolutamente só.
Pero perdoara a Ponferradina e o Pontevedra tirou de orgullo para irse a por o partido. Sen demasiadas luces ofensivas, pero cunha actitude mellorada pola presenza de Mouriño por un esgotado Jorge. E se os locais estiveron timoratos na xogada do segundo gol visitante, non menos o estivo o meta Mandaluniz, que quedou co "molde" nun corner lanzado por Mouriño no que Darío Flores anticipouse rematando de cabeza o tanto do empate que, tendo en conta os resultados doutros campos, pode valer o seu peso en ouro.
PONTEVEDRA CF (2): Edu; Marcos Álvarez, David Castro, Darío Flores, Álex Fernández, Jesús Barbeito, Lezcano (David Añón, minuto 60), Kevin Presa (Prosi, minuto 66), Éder, Jorge (Mouriño, minuto 74) e Álex González.
SD PONFERRADINA (2): Mandalúniz; Román, Ríos Reina, Jon García, Saúl, Menudo (Matthieu, minuto 79), Guille Donoso, Andy, Cidoncha, Yuri e Iago Díaz (Isi, minuto 85).
Árbitro: Roberto Carralero Calvo (Madrid), auxiliado nas bandas por Antonio Ramos García e Francisco García González. Amoestou a Marcos Álvarez e Jorge, no Pontevedra, e a Menudo, na Ponferradina.
Goles: (0-1) Minuto 37: Yuri. (1-1) Minuto 43: David Castro. (1-2) Minuto 56: Cidoncha. (2-2) Minuto 84: Darío Flores.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Uns 4.000 espectadores.
Relacionadas:
-
Bo partido sen premio dun Pontevedra que esgota "vidas" ao perder co Fabril (1-0)
Por Ramiro Espiño |
-
Aviso a navegantes de Luismi: "Hay jugadores de los que esperamos más"
Por Diego Espiño |
-
Novo tratamento para o maltreito céspede de Pasarón
Por Diego Espiño |
-
RADIO.- Roberto Feáns en La Trastienda: "No se trata ya de jugar bien o de jugar mal, se trata de ganar"
Por Diego Espiño |
-
Conxura granate para superar á Ponferradina e saír de postos de descenso
Por Diego Espiño |
-
A final de Copa Federación espera o Pontevedra tras empatar en Sagunto (1-1)
Por Redacción |
-
Ante a Ponferradina, prezos populares para aumentar a asistencia a Pasarón
Por Diego Espiño |
-
Empate xusto pero insuficiente para Coruxo e Pontevedra (1-1)
Por Ramiro Espiño |