Arlet Ortiz e Unai Silva, ouro e prata no prestixioso Open de Holanda de taekwondo
Por Redacción
A armada pontevedresa non pasou desapercibida nun dos torneos máis importantes de Europa, o Open de Holanda de Taekwondo, de categoría G-1, celebrado durante a fin de semana na localidade de Eindhoven.
Os mellores resultados chegaron durante a xornada do sábado, na categoría junior, na que Arlet Ortiz (Mat's de Marín) e Unai Silva (Mace Sport de Pontevedra) lograron subir ao podio.
Arlet demostrou o seu gran estado de forma ao facerse coa medalla de ouro no peso de -52 quilos. A marinense impúxose en cinco combates facendo gala dunha gran regularidade. Así comezou en primeira rolda superando á local Ihsane Akchich por un contundente 22-0, mentres que en segunda rolda gañou á danesa Lisa María Sorensen por 5-2.
O seu combate máis apertado foi o de cuartos de final ante a norueguesa Anahita Akbari, á que venceu por 3-2 para medirse na semifinal á eslovaca Gabriela Briskarov e avanzar con maior autoridade (9-0). Unha vez na gran final, o ouro non se lle escapou á taekwondista do Mat's, moi sólida ante Ozoda Sobirjonova (Usbequistán) para gañar por 14-6.
Pola súa banda Unai Silva rozou o triunfo, pero tívose que conformar cunha meritoria medalla de prata en -68 quilos ao caer derrotado no combate polo título ante o eslovaco Gabriel Biskar por 6-13. Antes o pontevedrés superara en primeira rolda ao holandés Edwin Van Zon nun vibrante enfrontamento (17-15), en segunda ao alemán Raphael Jaschin (15-7) e en cuartos de final ao británico Jamie Simpson-Kidd nun duelo espectacular (44-40). Por último en semifinais avanzou ao superar a Giovanni Slanec (Eslovaquia) por 23-12.
Un gran resultado para ambos os dous deportistas que lles outorga importantes puntos para o ránking e sobre todo moral para afrontar con ambición os seus próximos retos.
Relacionadas:
-
Unai Silva e Arlet Ortiz, sen opción de medalla no Mundial Júnior de taekwondo
Por Redacción |
-
O taekwondo pontevedrés, a bo nivel en Alacante
Por Redacción |
-
Unai Silva saca o billete para o Mundial Junior de Taekwondo
Por Redacción |
-
Sara Cortegoso, cun ouro, lidera á armada pontevedresa no Nacional Absoluto de Taekwondo
Por Redacción |
-
Éxito dos taekwondistas pontevedreses no Nacional júnior de taekwondo
Por Redacción |