Un duelo sen rede de seguridade entre Coruxo e Pontevedra
Por Diego Espiño
Non pode esperar máis. O Pontevedra acumula máis dunha volta de competición sen gañar lonxe de Pasarón. Gañou un único encontro fóra da casa en liga no último ano natural, a principio de tempada ante Racing de Ferrol, e agora necesita romper ese maleficio para non verse metido nos postos de descenso.
Os granates visitan este sábado (17:00 horas, TVG2) ao Coruxo no estadio vigués do Vao, un rival directo pola permanencia que se sitúa na táboa cun punto máis marcando a fronteira coa salvación.
"Llega un momento que tienen que dar un paso al frente, y creo que es el momento", sinalou este venres Luismi sobre os seus futbolistas, aos que asegura ver "muy motivados".
O técnico seguirá sen poder contar con Jimmy, de baixa por lesión, mentres que Añón cae da convocatoria por sanción. Polo contrario entran na lista ata catro canteiráns, como son Lezcano, Pachecho e Juan e Jesús Barbeito, o que obrigará a realizar descartes no propio estadio.
Non quere escusas Luismi, nin a mala xeira a domicilio nin as presumibles difíciles condicións de vento e choiva que se esperan no Vao. "El campo estará para los dos equipos, la meteorología estará para los dos equipos y hay que saber jugar con ella", defendeu.
A importancia do choque fai prever o desprazamento de afeccionados do Pontevedra, que deberán abonar unha entrada de 15 euros (gratis para os menores de 15 anos), pero non será no autocar habilitado polo club ao non completarse as prazas dispoñibles.
O encontro será arbitrado polo colexiado castelán leonés Fernando Román Román, na segunda ocasión que se cruza este ano cos granates tras o empate (1-1) ante o Celta B en Pasarón.
Relacionadas:
-
Empate xusto pero insuficiente para Coruxo e Pontevedra (1-1)
Por Ramiro Espiño |
-
A canteira ao poder: Lezcano e Rivera dan vantaxe ao Pontevedra sobre Atlético Saguntino (2-1)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Rayo Majadahonda castiga a fraxilidade dun Pontevedra esvaecido (0-3)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |