Quenda para a Copa Federación, pero dando prioridade á liga
Por Diego Espiño
É quizais o peor momento posible para afrontar un encontro entre semana, cando o sábado asoma unha xornada de liga ante o Coruxo que pode ser determinante na pelexa por salvar a categoría, pero o Pontevedra aparca por unhas horas o duelo ante o veciño vigués para pensar en clave copeira.
Os granates reciben este mércores (20:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón o Atlético Saguntino na ida das semifinais da Copa Federación.
"Es lo que hay, no podemos hacer nada, no podemos cambiar nada", recoñeceu Luismi resignado polas poucas horas coas que contará para preparar o choque de liga, sen que iso supoña renunciar a unha competición que, agora si, supón beneficio económico en caso de avanzar ata a gran final.
O técnico pontevedrés recorrerá previsiblemente á segunda unidade, cunha mestura de futbolistas que acumularon poucos minutos nas últimas xornadas e xogadores das categorías inferiores, dando así prioridade á competición regular. Tamén será unha oportunidade para que homes como Kevin, recentemente saído dunha lesión, gañen ritmo competitivo.
Nunha situación moi diferente afronta a eliminatoria o Atlético Saguntino, noveno clasificado do Grupo III da Segunda División B a 6 puntos do play-off de ascenso, a pesar de ter perdido forza nas últimas semanas con tres xornadas sen gañar que lles descolgaron levemente do vagón de cabeza.
O equipo adestrado por David Gutiérrez viaxa a Pontevedra coa única baixa do lateral destro Gallego e coa intención de defender o título de Copa Federación logrado a pasada campaña.
Polo camiño o cadro valenciano deixou na cuneta o Mallorca B, UCAM Murcia e Plasencia.
O Consello de Administración, do mesmo xeito que en pasadas eliminatorias, decidiu abrir só dúas bancadas do Estadio Municipal de Pasarón, as de Tribuna e Fondo Norte, cun prezo de 15 e 10 euros respectivamente nas entradas de público xeral. Os abonados e os menores de idade poderán entrar de balde ao partido.
DAVID AÑÓN, SANCIONADO NA LIGA
Luismi seguirá sen ter todo o plantel á súa disposición para elaborar unha convocatoria ligueira. Aínda que a enfermería consiga baleirarse por completo no caso de recuperación de Jimmy, o técnico xa sabe que non poderá contar ante o Coruxo con David Añón, que ante o Rayo Majadahonda viu a súa décima cartolina amarela da tempada e que deberá cumprir un encontro de sanción.
Relacionadas:
-
Empate xusto pero insuficiente para Coruxo e Pontevedra (1-1)
Por Ramiro Espiño |
-
A canteira ao poder: Lezcano e Rivera dan vantaxe ao Pontevedra sobre Atlético Saguntino (2-1)
Por Ramiro Espiño & Mónica Patxot |
-
O Pontevedra organiza unha viaxe para que os seus afeccionados acompañen o equipo en Vigo
Por Redacción |
-
O Rayo Majadahonda castiga a fraxilidade dun Pontevedra esvaecido (0-3)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
O partido de liga entre Coruxo e Pontevedra adiántase ao sábado 10 de marzo
Por Diego Espiño |
-
Antiviolencia propón sancionar un afeccionado por ensinar unha bandeira independentista galega en Pasarón
Por Diego Espiño |