Los Dólmenes Antequera aproveita os erros do Cisne noutro final con suspense (29-30)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Acumulando erros nos momentos craves e especialmente na recta final, o Cisne entregou un partido que puido e debeu gañar a Los Dólmenes Antequera, elevando a cinco as xornadas consecutivas sen coñecer a vitoria. O gol que deu o triunfo ao conxunto andaluz chegou a falta de cinco segundos para a conclusión, noutro final de infarto e nunha xogada pésimamente defendida polos de Jabato.
Foi un partido de poder a poder, aínda que cun Cisne irregular, como afai, con altos e baixos que lle fan pasar de dominar o partido para complicarse a vida e darlle aire a un rival ferido, fronte a un conxunto como o andaluz que non acreditou a súa excelente clasificación, pero si foi mellor, máis uniforme no seu rendemento e sobre todo soubo xogar nas situacións crave, especialmente na última xogada do choque, que preparou cun tempo morto a falta de dez segundos, necesitando tan só a metade dese curto período para levar os dous puntos, axudado pola inexplicable pasividade defensiva do equipo pontevedrés.
Cada equipo dominou un tempo, aínda que as vantaxes non superaron en ningún caso os dous goles para un ou outro equipo, como proba da igualdade na pista. Os locais comezaron apuntando o que logo lles custaría o partido, con tres perdas consecutivas de balón en ataque e dúas lagoas que lle fixeron encaixar senllos parciais de 0-3 para pasar de dominar a verse por baixo.
O equipo andaluz, cun Mai excelente baixo paus, e consciente da súa pouca profundidade de banco, levou o partido ao ritmo lento que lle interesaba, sen que o Cisne fose capaz de imprimir velocidad ao seu xogo.
As alternativas eran constantes e as igualadas no electrónico sucedíanse. Ao descanso os andaluces íanse cunha vantaxe mínima (13-14), que pronto neutralizaría o Cisne na continuación, para dar paso a unha longa fase que duraría ata os instantes finais, na que os brancos mandaban con Antequera a remolque.
Dani Tolmos poñía o 24-22 a falta de 10 minutos, pero o Cisne non soubo facer valer a renda, desperdiciando a súa vantaxe en menos de dous minutos. O Cisne seguía por diante, pero agora con vantaxes mínimas, ata que Ígor Tenorio fallou unha contra en man a man contra o porteiro, que puido sentenciar.
Con 28-28 no luminoso, Andrés Sánchez non acerta no seu lanzamento e Antequera aproveita para poñerse por diante despois de moitos minutos cun gol de Guille. Quedaban 38 segundos para o final. Jabato pediu tempo morto e Andrés Sánchez empataba a falta de 10 segundos. Foi entón o técnico visitante quen parou o partido. Todo o mundo esperaba que o Cisne cometese falta para evitar o lanzamento dos visitantes, pero inexplicablemente a defensa local quedou "pasmada" deixando lanzar a Nacho a pracer para anotar o definitivo 29-30 cando restaban cinco segundos.
BM CISNE (29): Pablo Galán; Alberto Casares (4), Pablo Picallo (1), Andrés Sánchez (4), Alejandro Pombo, Dani Tolmos (6), Dani Ramos (2) -sete inicial-, Juanjo Novás ( p.s.); Ígor Tenorio, Linhares, Miguel Simón, Javi Vázquez (6, 4 de penalti), Carlos Pombo (2), Pablo Gayoso (4), Alejandro Conde e Álvaro Preciados.
LOS DÓLMENES ANTEQUERA (30): Mai; Luís, Dani (6), Choba (1), Xavi (5), Cabrera (1), Alberto (6, 1 de penalti) -sete inicial-, Fernando Torres (p.s.); Adri (1), Nacho (5, 2 de penalti), Mijas, Guille (4) e Francis (1).
Árbitros: Jordi Quintanar Manzano e Josep Millán Cazorla (Cataluña). Excluíron dous minutos a Ígor Tenorio (2), Miguel Simón, Javi Vázquez e Dani Tolmos, no Cisne, e a Adri, Luís, Guille, Choba (2), Xavi e Alberto, en Los Dólmenes.
Marcador (cada cinco minutos): 2-1, 4-3, 6-7, 9-9, 10-12, 13-14 (descanso), 15-15, 18-17, 21-20, 23-22, 25-25 e 29-30 (final).
Incidencias: Pavillón do CGTD (Pontevedra). Uns 250 espectadores.
Relacionadas:
-
Quince minutos de seca cústanlle a derrota ao Cisne en Palma del Río (24-21)
Por Redacción |
-
Remontada do Cisne sobre Torrelavega (29-28) co xuvenil Dani Fernández como protagonista
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O Cisne endereita o rumbo remontando e vencendo en Lanzarote (23-25)
Por Redacción |
-
O Cisne afunde ao final e cae na súa visita ao Barcelona B (29-23)
Por Redacción |
-
O Cisne acumula erros e "regala" o partido a Alarcos (23-24)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Discreto partido con derrota do Cisne en Bordils (30-26)
Por Redacción |