Daniella Sousa, lista para debutar co Poio Pescamar na visita do Cádiz
Por Redacción
Despois dunha semana de descanso, o Poio Pescamar retoma a actividade ligueira coa intención de dar continuidade ao seu último triunfo e consolidarse nos postos que dan acceso a disputar a Copa.
As vermellas reciben este sábado (18:30 horas) no pavillón da Seca ao actual pechacancelas da Primeira División, un Cádiz FSF que no seu primeiro ano na máxima categoría aínda non estreou o seu marcador de vitorias e que suma só 2 puntos.
Con todo non quere relaxacións Marcio Santos, que poderá contar xa coa recente fichaxe do equipo, Daniella Sousa.
A futbolista brasileira, segunda incorporación invernal, foi presentada oficialmente este venres nas instalacións do principal patrocinador do equipo, Conservas Pescamar, e tras varios adestramentos ás ordes do técnico entrou na súa primeira convocatoria.
Xunto a Daniella completan a lista: Silvia, Tami, Ale de Paz, Jenny, Carol, Iria Saeta, Ceci, Patri Corral, Jessi Lores, Yoli e Delise.