A selección nacional de loitas olímpicas prepara en Pontevedra a súa próxima cita internacional
As seleccións galegas de loitas olímpicas conquistaron a principios de febreiro o Campionato de España absoluto celebrado en Murcia, conseguindo catro medallas de ouro, seis pratas e tres bronces que fixeron brillar a Galicia como campioa de España en loita feminina e en libre olímpica masculina.
Seleccións de deportistas moi novos entre os que destacaron as loitadoras que forman parte do grupo que agora se adestra no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, e que se prepara para afrontar o Torneo Internacional Sénior Dan Kolov, que se celebrará en Bulgaria a finais de marzo.
Ademais, para a súa próxima cita nacional as mozas das selección viaxarán a Tarragona, onde disputarán a 18ª edición dos Xogos Mediterráneos.
Á recepción oficial celebrada no Concello para homenaxear á selección nacional feminina absoluta acudiron, por unha banda, Pablo Pintos, director técnico da Federación Galega de Loita e coordinador desta concentración nacional; e pola outra, Aurora Fajardo, seleccionadora nacional sénior de loitas olímpicas, que destacou a importancia de que todos os centros de tecnificación poidan contar con equipos nacionais, potenciando á súa vez que os locais adestren co nacional.
A elección da cidade de Pontevedra non foi ao azar e, como apuntou o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, trátase dunha cidade "adicada e comprometida coa práctica de todo tipo de deportes".
Ademais de que a Federación Galega continúa impulsando este tipo de concentracións deportivas en Pontevedra, tres das integrantes do equipo son galegas e, ademais, campioas de España absolutas. É o caso de Lydia Pérez, do Club de Loita Pontevedra e de Nerea Pampín e Noelia Galín, ambas integrantes do Club Keltoi de Vila de Cruces.
É, precisamente, Lydia Pérez unha das integrantes da selección que máis está a brillar nos últimos torneos, perfilándose como unha das mellores deportistas do panorama nacional. Tras proclamarse campioa galega a finais de xaneiro, no Campionato de España alzouse tamén co ouro, demostrando unha gran calidade e rendemento en loita olímpica a nivel nacional.