A Escola de Xadrez volve a Xordania para axudar a máis de 900 nenos refuxiados
A Escola de Xadrez de Pontevedra continúa un ano máis co proxecto solidario iniciado en 2014, 'Ajedrez, estrategia por la paz', na que tratan de achegar este deporte aos nenos refuxiados en campos de Xordania, ademais de realizar un investimento para mellorar as condicións nas que se atopan. O seu obxectivo é sensibilizar á poboación e denunciar a situación na que se atopan estes menores.
Dúas liñas de actuación nestes campos que pasarán, en primeiro lugar, pola entrega de materiais que fagan posible a práctica deste deporte. Materiais que foron creados a partir de elementos reciclados por alumnos de distintos centros educativos, co obxectivo de que, unha vez alí, os mesmos nenos poidan fabricar e personalizar os seus propios instrumentos. Doutra banda, a formación de monitores que garantan a práctica do xadrez unha vez que o equipo da organización volva a Pontevedra, a primeiros do mes de abril.
O próximo 22 de marzo, algunhas destas persoas partirán cara ao campo de refuxiados de Azraq, en Xordania, que acolle a máis de 57.000 persoas censadas, aínda que as cifras extra-oficiais falan de case o dobre de refuxiados. O presidente da escola, Daniel Rivera, destacou durante a presentación no Concello a importancia de axudar a unhas persoas que "foron testemuños oculares de cousas tráxicas, as penurias da guerra, xenocidios, perda dos seus familiares".
O equipo que viaxa a Xordania nesta expedición traballará con 600 menores de 9 a 12 anos, e 300 de 12 a 18, o que supón máis de 900 escolares. Elaboraron tres manuais de xadrez traducidos ao árabe para achegar un deporte que, antes da súa primeira viaxe, non se coñecía. Grazas á primeira expedición, moitos se iniciaron nel e mesmo construíron un taboleiro xigante, cunhas medidas de 10x10 metros.
Yeray González, mestre de primaria no CEIP do Carballal, en Marín, decidiu unirse a esta experiencia cando a Escola de Xadrez deu unha charla no seu centro. E non se quedou nunha mera colaboración, xa que el mesmo se encargou de coordinar a fabricación destes materiais e tamén viaxará o próximo 22 de marzo a Azraq, para brindar unha axuda activa a estes menores.
As liñas de colaboración continúan abertas na web oficial da Escola de Xadrez de Pontevedra para todos aqueles que desexen colaborar nesta iniciativa que, como apuntou Anxos Riveiro, concelleira de Benestar Social, "fai crecer e mellorar a Pontevedra como comunidade".