O Supermercados Froiz buscará o podio na Copa de España
O Circuíto Guadiana Don Benito (Badajoz) acollerá a primeira proba da Copa de España elite- sub 23 de ciclismo, e o Grupo Deportivo Supermercados Froiz prepárase para deixar o podio ben alto. A competición, que se celebrará o vindeiro domingo 25, constitúe a 52ª edición deste circuíto, cun percorrido igual ao das anteriores que consta de 171 quilómetros de distancia.
O campionato, que comezará ás 10.00 horas e pasará por Don Benito, La Haba ou Magacela, entre outras, chega para os do Supermercados Froiz nun ano especialmente doce para o equipo, que o venres 9 de febreiro celebrou o seu 30º aniversario de historia. Por este motivo o conxunto afronta esta proba con moitas ilusións e ganas de facer un bo papel.
Os integrantes do grupo alimentario que tomarán a saída na Avenida Alonso Marín –que será tamén a meta do circuíto- son Sergio Vega, Ander del Castaño, Diego Noriega, Joan Ruiz, Aaron Mariño, Diego González e Miguel Montero. Os atletas enfrontaranse a un percorrido bastante plano, de rodaxe rápida e no que terán que estar atentos a posibles cortes que se realicen nas últimas voltas do circuíto.
Máis de 20 equipos apuntados para competir nunha Copa de España que tamén cumpre o seu vixésimo aniversario, e que se converteu nun escaparate inmellorable para aqueles afeccionados ao ciclismo que queren atopar o seu oco no mundo profesional.