Cinco equipos competirán en Marín polo título galego xuvenil de waterpolo
Por Redacción
A piscina da Escola Naval de Marín acollerá este sábado 24 de febreiro o campionato galego xuvenil de waterpolo, proba organizada polo club Waterpolo Pontevedra e a Federación Galega de Natación.
Serán cinco os equipos galegos que compitan polo título autonómico (CW Pontevedra, CW Santiago, Club Natación Coruña, Mariña Ferrol e RCN Vigo), que terá dobre premio: o trofeo de campión galego xuvenil e o billete de clasificación para o campionato de España xuvenil de segunda categoría, que se disputa do 29 de xuño ao 1 de xullo en sede aínda por determinar.
Pola mañá dispútase a fase previa, o que serían as semifinais, pero cunha semifinal entre dous equipos (CN Coruña-RCN Vigo) ás 11:00 horas e outra entre tres equipos, a modo de triangular, con partidos de menor duración: CW Pontevedra - CW Santiago (9:45), CW Santiago-Marina Ferrol (12:15) e Marina Ferrol-CW Pontevedra (13:30 h).
Pola tarde xogaranse as finais polo terceiro e cuarto posto (17:30) e polo título (19:00), con entrega de trofeos prevista para as 20:15 horas.
Será, destacan desde a organización, un campionato atractivo para o público que se anime a achegarse á piscina da Escola Naval, onde haberá entrada gratuíta, pois é a última categoría de formación antes da categoría absoluta e moitos dos xogadores participantes xa dispoñen de minutos cos seus primeiros equipos.
Continuando co programa de acción solidaria do Club Waterpolo Pontevedra, neste campionato o club do Lérez colaborará coa asociación Aldeas Infantís SOS Galicia. Instalarase na piscina unha mesa informativa para dar a coñecer as actividades desta asociación, á vez de captar socios.