Badalada do Teucro en Granollers (26-28)
Por Redacción
Nin as baixas coas que chegaba ao encontro, nin o dubitativo comezo de partido puideron co Teucro en Granollers. Os de Quique Domínguez, da man dun gran Borja Méndez, deron unha das sorpresas da liga Asobal e con ela un paso de xigante para garantir a permanencia, ao vencer no Palau d' Esports da cidade vallesana por 26-28.
Intensidade, bo xogo e oficio. De todo iso fixo gala un Teucro que na segunda parte sacou das súas casiñas ao rival, alongando ao máximo cada posesión ofensiva e cun Dani Hernández que volveu ser clave pola súa maneira de administrar os tempos e o ritmo de xogo en todo momento, para terminar anotándose a primeira vitoria a domicilio da presente tempada, asinando un comezo de segunda volta sinxelamente espectacular, a pesar da sensible baixa do seu goleador Yoán Balázquez que non puido disputar este partido.
E iso que arrincou como un tiro o Granollers, cun eficaz Álex Márquez desde a longa distancia e unha boa defensa que permitiu aos de Antonio Rama escaparse rapidamente no marcador forzando faltas en ataque e perdas de balón. O conxunto vallesano púxose antes do minuto cinco cun 5-1, catro goles de vantaxe que mantiveron durante bastantes minutos.
Pero pronto os de Quique Domínguez deixaron claro que non acudiran de paseo, e cun Borja Méndez espectacular tanto na dirección de xogo como no lanzamento o Teucro conseguiu frear o empuxe inicial dos locais e ir recortando diferenzas ata poñerse por diante.
A lesión de David Resina no minuto 12 afectou o equipo catalán, que baixou o seu rendemento ofensivo a medida que a defensa dos galegos facíase máis profunda e Jorge García Lloria crecía con ela. Un lanzamento de sete metros convertido por Dani Hernández puxo por primeira vez por diante ao Teucro, que chegou a ter dous de vantaxe (13-15) xusto antes que Jorge Silva marcase o 14-15 ao límite do descanso.
Na segunda parte, o Teucro empezou atacando e marcando, devolvendo os dous goles de vantaxe ao luminoso. Eses dous tantos se mantiveron ata que o Fraikin conseguiu empatar a 18 cun contragolpe culminado por Adrià Figueras pero o Teucro recuperou a iniciativa ata conseguir a súa máxima renda (19-23) xusto despois dun tempo morto solicitado por Antonio Rama.
A partir de aí o Teucro soubo alongar convenientemente cada ataque, incrementando os nervios locais, que tentaron por todos os medios recuperar a desvantaxe pero viron como Iván Fernández desde o extremo acertaba para manter a vantaxe ata o final.
FRAIKIN BM GRANOLLERS (26): Bombom Almeida; Cabanas (6, 2 de penalti), Bernatonis (1), Figueras (6), Resina (1), Márquez (5), Tarrafeta (3) -sete inicial-, Guardia (p.s.); Porras (1), Pérez, Marc García, Ferrer, Cañellas (1), Gassama, Rakocija (1) e Silva (1).
SD TEUCRO (28): García Lloria; Borja Méndez (6), Quintas (2), Iván Fernández (3), De Castro (1), Dani Hernández (7, 2 de penalti), Iglesias (2) -sete inicial-, Javi Santana ( p.s.); Johnny Medina, Moyano (4), Samu Gómez (1), Edu Moledo (2) e Carlos Gerhardt.
Árbitros: Óscar Raluy López e Ángel Sabroso Ramírez (Canarias). Excluíron dous minutos a Bernatonis e Ferrer do Fraikin BM Granollers e De Castro e Iván Fernández (2) do Teucro.
Marcador (cada cinco minutos): 5-1, 7-3, 10-6, 10-9, 12-12 e 14-15 (descanso); 17-18, 18-18, 19-21, 19-22, 23-25 e 26-28 (final).
Incidencias: Palau d' Esports (Granollers) Uns 500 espectadores.
Relacionadas:
-
A Copa, costa arriba para o Teucro tras caer nun polémico final ante o Guadalajara (27-29)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Contra as lesións, ilusión teucrista na Copa do Rei
Por Diego Espiño |
-
O Teucro acusa as baixas e dá vida ao Puerto Sagunto (25-21)
Por Redacción |
-
O Teucro, aínda sen Balázquez, visita a un necesitado Puerto Sagunto
Por Diego Espiño |
-
O Teucro viaxa a Granollers sen Yoán Balázquez aínda que a lesión do lateral cubano queda nunha escordadura
Por Ramiro Espiño |
-
O xeonllo de Yoan Balázquez mantén en albas ao teucrismo
Por Diego Espiño |
-
O Teucro loita contra as adversidades pero cae nun cruel final ante o Anaitasuna (19-20)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |