Contra quen se xogará o Teucro o ascenso? Así é o play-off
Por Diego Espiño
Bidasoa, Ángel Ximénez, Alcobendas e Teucro son xa matematicamente os equipos que pelexarán pola segunda praza de ascenso á Liga Asobal na fase de ascenso que se disputará os días 11 e 12 de maio. Os cruzamentos de semifinais e a sede é o que aínda está no aire.
Dous poden ser as localidades que acollan o play-off, Irún e Puente Genil. Todo depende do que suceda na última xornada de liga.
O Bidasoa Irún, terceiro clasificado, parte con vantaxe para ser o anfitrión da fase final, aínda que debe disputar o último partido ligueiro na pista do campión, o Barcelona B. Se gaña Irún sería sede, e se empata ou perde dependería do que faga o Ángel Ximénez de Puente Genil no choque de rivalidade cordobesa ante o Pozoblanco. Alcobendas, que recibe na súa pista ao Teucro, podería empatar con estes dous equipos na terceira praza, pero ese empate favorecería a Bidasoa.
A fase de ascenso xogarase o 11 e 12 de maio en Irún ou Puente Genil
Ademais da sede, o que decidirá a última xornada é o emparellamento de semifinais, que se disputará o sábado 11. Alí enfrontaranse o terceiro clasificado co sexto e o cuarto co quinto, xogando os vencedores a final ao día seguinte, domingo 12 de maio.
Nesta situación o Teucro, que só pode ser quinto ou sexto, xogarase en Alcobendas non se cruzar co terceiro da liga e anfitrión do play-off. Para iso necesita gañar aos madrileños na súa cancha.
Os pontevedreses chegan ao tramo final de tempada no seu mellor momento, despois de encadear cinco vitorias nos últimos seis partidos. Os azuis só caeron neste tramo final ante o Bidasoa (27-28), un equipo vasco que demostrou ser o que mellor chega despois de sumar sete triunfos consecutivos.