Máis que fútbol en Pasarón coa Urban Trail Night de Pontevedra
A segunda edición da Pontevedra Urban Trail Night volve este sábado 24 a Pontevedra con máis de 500 inscritos na proba, que poderán gozar dun dos deportes que máis creceu nos últimos tempos, o 'running', coa diferenza de tratarse dunha carreira nocturna que levará os participantes aos lugares máis emblemáticos da nosa cidade.
Sera Martínez e Justi Peixoto, organizadores do evento, destacaron "o éxito" da anterior edición, na que participaron ao redor de 600 corredores. Este ano quixeron incluír novidades, e a primeira ten que ver co propio percorrido.
Os participantes terán que entrar no Estadio Pasarón para completar un dos tramos da proba, que tras continuar pola zona vella finalizará posteriormente no interior da Praza de Touros de Pontevedra. "Máis do 80% dos anotados non entraron nunca en Pasarón, o que resulta un aliciente que á xente gustoulle moito", sinalou Martínez.
A competición terá lugar este sábado e iniciarase as 20 horas na Illa das Esculturas do Río Lérez, punto de partida e contorna natural que os organizadores quixeron incluír no percorrido, que será de 14 kilómetros de distancia.
A proba coincidirá ademais coa celebración da Noite Pirata, atrasada ata este sábado polas inclemencias meteorolóxicas, polo que será "unha noite moi especial", apuntou a concelleira de Deportes, Anxos Riveiro durante a presentación do evento no Concello.
Esta segunda entrega conta co respaldo de novas empresas como Pescamar ou Ibericar Gestoso. Esta última cederá algún dos seus vehículos, que formarán parte do percorrido dunha proba que combinará tramos de cidade, escaleiras, céspede e moitas sorpresas que se manterán en segredo ata o día da competición.