Goleada do Atios sobre o Campo Lameiro, vitorias do Beluso e O Grove e empate do Marcón Atlético
Diego González foi o protagonista no derbi celebrado en Baltar de Arriba, dando ao seu equipo a vitoria con dous tantos anotados na segunda parte (1-2). Tras unha primeira pouco brillante, na que ambos equipos loitaron polo dominio do balón, O Grove saíu con máis decisión na segunda parte.
Despois dunha chegada perigosa dos de Nel Branco, o Xuventú Sanxenxo activouse e o partido alcanzou outro ritmo, aínda que O Grove se adiantou no marcador cun remate de cabeza de Diego González. As ocasións sucedíanse, e o Sanxenxo atopou a súa oportunidade nun mal despexe do Grove, que aproveitou Javi Nogueira para lograr o empate.
Finalmente, o conxunto meco saíu vencedor co segundo tanto de González no minuto 89, acadando o cuarto posto na clasificación con 48 puntos.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-U.S.D. O Grove.
Mala racha para os de Tito, nunha contenda controvertida e con varias tarxetas amarelas. O Beluso gañou o seu segundo partido consecutivo (1-2), aproveitando as ocasións ante un Caselas perseverante ao que lle faltou ambición, a pesar de anotar un penalti non exento de polémica.
Richi foi o mellor do partido, marcando os dous goles que deron a vitoria en Salceda de Caselas e situando ao Beluso no noveno posto da clasificación.
Consulta a acta do Caselas F.C.-C.D. Beluso.
Non houbo goles na Gándara na contenda disputada entre o Valladares e o Marcón Atlético (0-0). Tras o empate a un da primeira volta, o Marcón lidou o seu cuarto partido consecutivo sen marcar, pero mantendo invicta a súa portería por terceira vez. Con ambos os equipos en busca da permanencia, brillou Brais con dous disparos que non chegaron a bo porto.
Os de Borja Burgos loitan por afastarse do descenso, e o Valladares alcanza xa o undécimo posto na clasificación.
Consulta a acta do C.D. Valladares-Marcón Atlético.
Unión Deportiva Atios goleou de forma contudente ao Campo Lameiro (5-0) nun partido que se decidiu na primeira parte, con catro dos cinco goles que encaixaron no céspede de O Carballo. O Atios confirma a súa loita polos primeiros postos na clasificación.