O Arosa imponse o Ribadumia nun disputado derbi e empates con distinto sabor para Céltiga e Villalonga
Por Redacción
Intenso derbi na Senra cun tempo para cada equipo e sufrida vitoria do Arosa sobre o Ribadumia que sitúa aos arlequinados a só dous puntos dos postos de play-off. Empates con distinto sabor para Villalonga, que cumpre unha volta completa sen gañar e Céltiga a domicilio, á conta dun rival directo como o Laracha, ao que ademais gaña o golaverage particular.
Un gol de Manu Justo inclinou a balanza ao lado do Arosa nun partido moi disputado e nivelado na primeira parte, mentres na segunda o Arosa xogou ao práctico, defendendo a vantaxe e esperando a posibilidade de sentenciar á contra.
Comezou mellor o Arosa, que tivo a súa mellor ocasión nunha acción de Javi Pazos, con remate desviado. Aos poucos o Ribadumia nivelou o dominio visitante e xerou ocasións para Fran Fandiño e Josiño que non aproveitou, mentres os arlequinados adiantábanse cando Manu Justo aproveitou un pase longo de Yerai para meterse na área e bater a Iván Parada á segunda.
Tras o descanso o técnico local, Luís Carro, pasou a defensa de tres e o Ribadumia fíxose co dominio, pero non lles deu para poñer en perigo a Lloves e o Arosa fíxose con tres puntos que lles sitúan a tiro dos postos de honra.
Consulta o acta do partido Ribadumia-Arosa nesta ligazón.
A falta de acerto ante a meta rival segue condenando a un Villalonga que cumpre unha volta enteira sen gañar e faino precisamente ante un Negreira que foi a última vítima dos celestes e que en San Pedro fixo méritos máis que suficientes para caer novamente derrotado, nun partido dominado polos locais, negados no remate.
Aínda que foron os visitantes quenes avisaron primeiro cun disparo de Miguel desde fóra da área que se foi ao poste, na segunda parte só houbo un equipo no campo e ese foi un Villalonga que tivo ocasións claras para impoñerse nas botas de Agus, Hugo, Rey e novamente Agus e Hugo, que non foron capaces de bater a Rodri.
Nin sequera cando o Negreira quedou con dez pola expulsión de Rubén, os locais foron capaces de marcar, mesmo estiveron máis espesos no seu xogo e ven o descenso moi preto.
Consulta o acta do partido Villalonga-Negreira nesta ligazón.
Non houbo goles no Municipal da Laracha, onde o Céltiga sumou un punto que lle sabe mellor que ao seu rival ao permitirlle gañar o golaverage particular e mantelo por detrás na táboa clasificatoria.
Ambos os equipos seguen fóra da zona de descenso directo, pero mirando con receo os posibles arrastres por descensos de equipos galegos de segunda B que poderían condenarlles a ambos.
Consulta o acta do partido Laracha-Céltiga nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Reacciona tarde o Arosa, dá a sorpresa o Céltiga, desconto fatal para o Ribadumia e agonía do Villalonga
Por Redacción |
-
Arosa e Céltiga conseguen triunfos para soñar, Ribadumia arranca un punto e Villalonga cae goleado
Por Redacción |
-
Gaña o Ribadumia na Illa, o Arosa remonta no desconto e o Villalonga segue en caída libre
Por Redacción |
-
Caen Ribadumia e Céltiga, afúndese o Villalonga e rescata un punto no desconto o Arosa
Por Redacción |
-
Importantes triunfos de Arosa e Céltiga e empates de mérito para Ribadumia e Villalonga
Por Redacción |