"Ahora cada punto es vital", avisa Luismi ante o duelo entre Pontevedra e Racing de Ferrol
Por Diego Espiño
Falar de final cando aínda é a xornada 26 de competición pode parecer prematuro, pero se non o é aproxímaselle o partido que disputarán este domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón o Pontevedra Club de Fútbol e o Racing de Ferrol.
"Es un rival directo y el que pierda va a salir anímicamente fastidiado", recoñece Luismi, para quen a estas alturas de competición "cada punto es vital".
O técnico granate, do mesmo xeito que os xogadores, é consciente da importancia do choque, posto que un triunfo distanciaría en 8 puntos máis o diferencial particular a un dos equipos que ocupa actualmente a zona de descenso.
A pesar do seu potencial, o cadro ferrolán ocupa o posto 18 da táboa con 21 puntos, 5 menos que os granates, e chega a Pasarón despois de encadear tres derrotas de maneira consecutiva.
O Pontevedra fíase á súa recuperada fortaleza cando actúa ante a súa afección, onde sumou os seus dous últimos triunfos ante o Cerceda e ante o líder Fuenlabrada. "Los partidos de casa hay que hacerse fuertes", sinala o adestrador do equipo pontevedrés, que lonxe de mirar á situación do rival céntrase "en estar nosotros bien" como "la mejor manera de salir" dos postos perigosos.
Luismi non poderá contar para a cita con Kevin Presa por lesión, pero convocou a todo o plantel e espera botar man dos futbolistas que estiveron entre algodóns durante a semana como Jimmy, David Añón e Álex Fernández. Tamén regresará ao equipo Edu Sousa en portería e á convocatoria Marcos Álvarez cumprido un encontro de sanción.
Pola súa banda, no Racing de Ferrol o seu adestrador Ricardo López, que non poderá sentar no banco por sanción, ten a todo o plantel dispoñible para unha cita na que "tenemos que sacar la casta, el comprosimo", asegurou ante os medios de comunicación. O técnico declarou ademais que viaxan a Pontevedra "confiados en nuestro juego, en nuestras opciones".
O colexiado do encontro será o barcelonés David López Jiménez.
E o Pontevedra C.F. está a facer unha campaña a través das redes sociais para reclamar a presenza da afección granate en Pasarón.
— PontevedraCF (@PontevedraCFSAD) 17 de febrero de 2018
Relacionadas:
-
Goleada reparadora para o Pontevedra ante un deprimido Racing de Ferrol (3-0)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |
-
Tensión entre seguidores do Racing de Ferrol e do Pontevedra na Praza da Verdura
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Novos inquilinos para a enfermería do Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra mantén prezos de 'derbi' para o partido ante o Racing de Ferrol
Por Redacción |
-
Pontevedra e Racing de Ferrol, dúas traxectorias paralelas para chegar a un derbi con aires de final
Por Diego Espiño |
-
Xogar a nada e caer por un erro nun mal partido do Pontevedra (1-0)
Por Redacción |