Nove atletas representarán á Gimnástica no Nacional Absoluto de Pista Cuberta
Por Redacción
Valencia acollerá este sábado 17 e domingo 18 de febreiro a gran competición atlética da tempada baixo teito, coa celebración do LIV Campionato de España Absoluto en Pista Cuberta.
A Sociedad Gimnástica de Pontevedra estará ben representada na cita con nove dos seus atletas, que aspiran en varios casos para entrar nas finais das súas respectivas disciplinas.
Na proba máis rápida do campionato, os 60 metros, participará Gonzalo Sánchez-Camacho, que cos seus 6.91 sitúase nunha posición moi rifada cun número elevado de atletas ao redor dese rexistro, polo que as eliminatorias serán determinantes para o seu posto final.
Alberto Salcedo participará nos 200 metros co noveno mellor rexistro dos participantes (21.62 segundos), mentres que nos 400 metros tomarán parte Roberto Tello e Ignacio Sarmiento, con 48.48 e 48.65 segundos de marca acreditada.
En dúas probas estará Alberto Guerrero, nos 800 e os 1.500 metros, tendo máis opción de ocupar posto de finalista na primeira delas ao chegar co décimo mellor tempo dos participantes (1:50.88). Nos 1.500 metros estará tamén o seu compañeiro de equipo Carlos Porto.
Mirando aos concursos o recente campión de España sub-23 de triplo salto, Anxo Blanco, plántase en Valencia como sétimo favorito (15,62 metros), e Víctor Gallego competirá no lanzamento de peso co obxectivo de meterse entre os oito mellores.
Por último, completará a representación da Gimnástica Francisco López no héptatlon, que chega á cita coa oitava mellor marca (4.964 puntos).
Relacionadas:
-
Alberto Guerrero, mellor atleta da Gimnástica no Nacional de pista cuberta
Por Redacción |
-
O atleta da Gimnástica Anxo Blanco proclámase en Salamanca campión de España Sub-23
Por Redacción |
-
Lores recibe a Charo Castro, nova presidenta da Sociedad Gimnástica de Pontevedra
-
A Gimnástica será anfitrioa na primeira xornada da Primeira División Feminina de atletismo
Por Diego Espiño |