O Teucro loita contra as adversidades pero cae nun cruel final ante o Anaitasuna (19-20)
Por Diego Espiño & Diego Torrado
Vaia por diante que non foi un partido brillante do Teucro. Tampouco do Anaitasuna. Pero os azuis non mereceron perder despois de acurralar a todo un equipo de competición europea. O cadro pontevedrés dominou gran parte dun igualado encontro, cheo de imprecisións por ambos os dous bandos, e superou as adversidades tirando de orgullo para chegar con opcións a un final que lle tratou con crueldade.
Os erros foron a tónica nos primeiros minutos de xogo, aínda que o Teucro comezou dominando timidamente grazas ás paradas de Santana. A do gardameta foi a actuación da noite sostendo ao seu equipo nos momentos máis delicados, secundando por Borja Méndez. O primeira liña vigués viuse obrigado a asumir a responsabilidade en ataque despois da temperá lesión de Yoan Balázquez.
Nunha acción sen aparente perigo, o lateral cubano danouse o seu xeonllo esquerdo ao caer sobre el fortuítamente un xogador rival. Parecía pouca cousa, pero Balázquez foi ao banco cando só transcorreran uns minutos de xogo. Tentou volver, pero a dor foi a máis e xa non regresou á pista. A súa ausencia limitou as opcións ofensivas dos de Quique Domínguez e obrigou a tirar, tanto en defensa como en ataque, do xogadores do filial Samuel Pereiro e Carlos Gehrhard debido á praga de lesións que atravesa o equipo.
A pesar dos problemas o Anaitasuna non atopaba continuidade no seu xogo e os minutos pasaban con alternativas no marcador pero con poucos goles. Foi así ata o descanso, ao que se chegou cun tanto sobre a bucina de Borja Méndez que facía o 11-11.
A tónica mantívose no inicio do segundo acto, ata que o Teucro recuperaba a máxima do encontro (15-13) tras dúas paradas consecutivas de Santana culminadas cunha contra de Ángel Iglesias forzando a exclusión de Oswaldo Dos Santos. Era o momento dos locais e Dani Hernández contou cun sete metros para abrir brecha, pero fallou a pesar da súa boa porcentaxe nesta disciplina durante os 60 minutos.
Non conseguiu marchar o equipo azul, que cada vez se atopaba con máis problemas en ataque, e o Anaitasuna esperou o seu momento para poñer o empate a falta de seis minutos (17-17). A igualdade era máxima, aínda que Borja Méndez poñía de novo en vantaxe o Teucro no minuto 25. Sería o último gol en xogada dos pontevedreses.
Os de Pamplona, tamén espesos, aproveitaron a esta circunstancia para tomar a dianteira a falta de 1 minuto e 10 segundos. Con todo, co coitelo entre os dentes, o Teucro agarrouse ao partido coa esperanza de sumar algún punto, e o certo é que o rozou cos dedos. Un sete metros por defensa interior sobre Samu Gómez supuxo o 19-19 con 47 segundos por xogar, e había que sufrir ata o último.
Apareceu de novo Santana para manter viva a esperanza a falta de 10 segundos, pero unha protestada falta no rexeite daba unha nova oportunidade aos visitantes. Pediu Juant Apezetxea tempo morto para preparar a xogada e saíulle á perfección. Circulou con velocidade Anaitasuna en primeira liña e atopou oco no pivote para que Ugarte sentenciase case sobre a bucina.
Duro castigo para unha Sociedad Deportiva Teucro que mereceu máis e que segue mirando o que resta de tempada coa esperanza de selar sen abafos a permanencia. Sempre claro que as lesións o permitan.
SD TEUCRO (19): Santana, Balázquez (1), Juan Quintas (1), Iván Fernández (1), De Castro, Dani Hernández (5, 4p), Edu Moledo -siete inicial- Moyano (1), Borja Méndez (7), Samu Gómez (1), Carlos Gehrhard, Samuel Pereiro, Ángel Iglesias (2), Medina, Lloria.
ANAITASUNA (20): Nordlander, Gastón (6, 1p), Dias, Chocarro (2), Ander Ugarte (1), Oswaldo Dos Santos (1), Nantes (3) -siete inicial- Bazán, Cristian Martínez, Etxeberría (2), Adarraga, Goñi (2p), Erik Balenciaga (2), Elistondo, Ceretta (1), Sergey Hernández.
Árbitros: Monjo Ortega e Soria Fabián. Excluíron a Moyano, Gehrhard, Iván Fernández e Dani Hernández (2) no Teucro e a Gastón, Dias e Oswaldo Dos Santos (2) no Anaitasuna.
Marcador cada cinco minutos: 2-1, 4-5, 5-5, 6-7, 8-8, 11-11, descanso, 13-12, 14-13, 16-14, 17-16, 18-17, 19-20.
Incidencias: Partido da xornada 18 da Liga Asobal disputado no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra ante ao redor de 650 espectadores.
Relacionadas:
-
O Teucro, aínda sen Balázquez, visita a un necesitado Puerto Sagunto
Por Diego Espiño |
-
Badalada do Teucro en Granollers (26-28)
Por Redacción |
-
O Teucro viaxa a Granollers sen Yoán Balázquez aínda que a lesión do lateral cubano queda nunha escordadura
Por Ramiro Espiño |
-
O xeonllo de Yoan Balázquez mantén en albas ao teucrismo
Por Diego Espiño |
-
O balonmán pide paso en pleno entroido coa visita do Anaitasuna ao Municipal
Por Diego Espiño |
-
Puntazo dun enorme Teucro en Guadalaxara (33-33)
Por Redacción |
-
O Teucro apontoa o seu proxecto de canteira cun acordo co San Narciso de Marín
Por Redacción |
-
Emocionante vitoria do Teucro ante o Zamora que achega a permanencia (23-22)
Por Diego Espiño & Diego Torrado |