Boa acollida para as actividades do Programa Xogade para o último tramo do curso escolar
Por Redacción
A Agrupación Deporte Base de Pontevedra móstrase satisfeita coa alta cifra de participación nas actividades que tutela dentro do Programa Xogade de promoción do deporte e a actividade física en idade escolar.
"Un dos eixos principais destas actividades é a inclusión do maior número de alumnas e alumnos posibles", asegura o presidente da agrupación, José Pereira.
Nas actividades iniciadas co mes de febreiro e que se prolongarán ata xuño, coincidindo co fin de curso, está a ofertarse aos colexios o Fútsal-6, a loita, a promoción de atletismo en pista e o Xoga Tenis.
"Alégranos a gran acollida que están a ter estas actividades nos diferentes centros de Pontevedra e Poio", sinalou Pereira tras visitar centros educativos nestes dous municipios.
Para facilitar a participación dos nenos e nenas, o servizo provincial de Deportes da Xunta de Galicia pon a disposición dos colexios o transporte escolar de ida e volta ás actividades e o seguro para os alumnos.
Os colexios de Poio ou os pavillóns de Príncipe Felipe e do CGTD en Pontevedra son algunhas das instalacións nas que levarán a cabo as actividades, sempre en horario lectivo e coa colaboración das federacións galegas de Tenis e Loitas Olímpicas.