O Pontevedra Mareantes non pode cos Ingleses na ida da semifinal polo título galego (14-32)
Por Redacción & Diego Torrado
Cumpriu os prognósticos Os Ingleses de Vilagarcía, gran favorito a gañar a liga autonómica e a disputar a fase de ascenso, no choque de ida da semifinal polo título disputado no campo de Monte Porreiro ante o Pontevedra Mareantes (14-32).
Con todo o equipo pontevedrés plantou cara ao seu rival e mantén aberta a eliminatoria para o partido de volta, aínda que nunha clara situación de desvantaxe.
Os Ingleses dominou o xogo no inicio do choque, con contundencia ofensiva e velocidade co balón que provocaba varios golpes de castigo que facían retroceder aos locais. Así os de Vilagarcía lograban ensaiar ata en tres ocasións.
Reaccionou o PRC Mareantes e tras o seu primeiro ensaio comezou a enlazar xogadas de ataque máis fiadas chegando a zona contrario con máis perigo, aínda que sen traducirse en puntos no marcador. Si anotou Os Ingleses para chegar con clara vantaxe ao descanso.
Durante a segunda parte o partido volveuse menos definido, sen un claro dominio do xogo, coas defensas endurecéndose. Así, o parcial saldouse cun ensaio e un golpe de castigo transformado para os visitantes, mentres que o Pontevedra Mareantes lograba un último ensaio co tempo cumprido, que atenuaba o marcador en contra final como premio ao esforzo realizado.
DERROTA DO SEGUNDO EQUIPO
Ta, bién xogou o fin de semana o equipo do Pontevedra Mareantes na Segunda División Galega, perdendo ante o Fendestas por 12 a 45 nun encontro no que se viron afectados polas ausencias e presentaron unha aliñación xusta de efectivos ata o punto de que durante toda a primeira actuaron en inferioridade numérica.