Valioso empate do Marcón ante o Atios, triunfo de Sanxenxo ante Campo Lameiro e do Grove e derrota do Beluso
Por Redacción
Salvou un importante partido o Marcón Atlético no campo do Carrasco nun complicado partido ante o Atios (1-1).
Foi un choque tremendamente competido, no que se adiantaron os visitantes ao fío do descanso por medio de Jonatan.
O Marcón non acusou o golpe e atopou premio aos 54 minutos cun tanto de Marcos Reissmann que facía xustiza. De aí ao final ningún dos dous equipos logrou romper a igualada.
Co empate os de Borja Burgos quedan no posto 13 da clasificación de Preferente con 29 puntos.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Atios.
Nin xogar case unha hora cun home menos detivo o Xuventú Sanxenxo na súa visita ao estadio da Chanciña, en Campo Lameiro (1-3).
Os amarelos quedaron en inferioridade ao fío da media hora de xogo pola expulsión de Carlos Gómez, pero tiraron de pegada para decidir o encontro.
Tras chegar ao descanso con empate sen goles, o Sanxenxo tomou vantaxe cun tanto de Álex Currás no 53. Reaccionaron os locais para igualar dez minutos despois por medio de Pablo Silva, pero cando se chegaba ao tramo final o cadro visitante sentenciou con goles de Hugo e Aitor Gómez (80 e 82).
Co seu cuarto triunfo consecutivo os amarelos colócanse a só tres puntos do ascenso directo, quintos con 46. Pola súa banda o Campo Lameiro queda undécimo con 11 puntos.
Consulta a acta do Campo Lameiro-Xuventú Sanxenxo.
Remontada do Unión Grove ante o Erizana (4-2) para recobrar o ritmo dos postos cabeceros.
O cadro meco adiantouse no marcador de Diego González, pero o cadro visitante repúxose e primeiro á media hora de xogo e despois no minuto 65 daba a volta ao choque.
Poñíase todo en contra para os locais, que cando o tiñan máis difícil reaccionaron con tres goles en cinco minutos, dous de Diego Lorenzo e outro de Rubén, para conseguir tres importantes puntos.
Con este resultado os do Grove colócanse sextos con 45 puntos.
Consulta a acta do Unión Grove-Erizana.
Non resultou boa a xornada para o Beluso, que se viu superado por un dos equipos da zona alta como a UD Ourense (1-3).
O equipo ourensán tomou vantaxe aos 27 minutos, aínda que os de Bueu lograron neutralizar a vantaxe cun gol de Ricardo Pazos no 34. Con todo xusto antes do descanso os visitantes golpearon de novo cun tanto dos considerados psicolóxicos.
Xa na segunda metade, co Beluso buscando a igualada, o Unión Ourense faría o terceiro deixando o duelo visto para sentenza.
A pesar da derrota o Beluso mantense na novena posición con 31 puntos.