Dous árbitros pontevedreses, na carreira polo ascenso a Segunda B
Por Redacción
A delegación pontevedresa do Comité Galego de Árbitros está moi pendente estes días dos progresos de dous dos seus colexiados, que se atopan inmersos na carreira por lograr o ascenso á categoría de bronce do fútbol nacional.
Trátase de Daniel Pastoriza Iglesias e Alberto Gómez Lameiro, dúas dos seis árbitros de Terceira División menores de 30 anos pertencentes á delegación territorial galega que se clasificaron para a Fase II do Programa de Talentos do Comité Técnico de Árbitros (CTA) a nivel nacional.
Gómez Lameiro xa participou no programa hai un ano, aínda que quedou sen o premio de lograr o ascenso á Segunda División B.
Os dous representantes pontevedreses superaron a pasada fin de semana as probas físicas ás que foron sometidos en Madrid os 109 árbitros candidatos de toda España. Ademais tiveron que enfrontarse a probas técnicas, de redacción de actas, psicotécnico ou a un exame de inglés.
Desta forma tanto Daniel Pastoriza como Alberto Gómez seguen adiante no proceso coa esperanza de chegar ao curso final, previsto para o mes de maio, no que se decidirán os ascensos de categoría.
Xunto aos dous árbitros pontevedreses completan a representación galega: Alejandro Ferreiro Méndez (Lugo), Iván Abel Bruzos (Lugo), Miguel Ferrol Muñiz (Santiago) e Juan Luís Davila Fernández (Vigo).
O presidente do Comité Técnico de Árbitros, Bernardino González Vázquez, acompañou aos candidatos galegos en Madrid do mesmo xeito que o responsable de talentos en Galicia, Julio Amoedo Chas.