O Sanxenxo gaña pola mínima o Marcón, vitoria do Beluso a domicilio e derrotas de Campo Lameiro e Grove
Por Redacción
O duelo xogado entre Xuventú Sanxenxo e Marcón Atletico no campo de Baltar de Arriba estaba destinado a un empate sen goles, pero os locais conseguiron facerse con tres importantes puntos (1-0).
Fixérono grazas a un gol de Hugo no minuto cinco de xogo, aproveitando unha das poucas ocasións dun duelo tremendamente disputado.
A pesar da intención de buscar a igualada, os pontevedreses non chegaron con perigo, aínda que tiveron as súas opcións no tramo final encerrando a un sólido Sanxenxo tras a expulsión do seu gardameta Alberto no minuto 72.
Non atoparon premio os de Borja Burgos que coa derrota ven de preto os postos de posibles arrastres. Son duocédimos con 28 puntos, mentres que o Xuventú Sanxenxo confirma a súa recuperación coa a terceira vitoria consecutiva e sobe á quinta praza con 43 puntos, empatado co terceiro.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Marcón Atlético.
Valioso triunfo tamén para o Beluso, que toma aire na clasificación tras dúas derrotas consecutivas despois de vencer a domicilio ao Valladares (0-1).
Os de Bueu mostráronse sólidos durante todo o choque, que parecía encamiñado ao 0-0.
Foi así ata que no minuto 85 Ricardo Pazos conseguía bater ao gardameta local para darlle os tres puntos ao seu equipo.
Coa vitoria o Beluso ascende á novena posición do Grupo Sur de Preferente con 31 puntos.
Consulta a acta do Valladares-Beluso.
Non tivo o seu mellor día o Campo Lameiro na súa visita ao campo do Erizana, do que saíu goleado (3-0).
O dianteiro local Borja Zamorano foi o gran protagonista do choque cun hat-trick que non deu opcións aos verdes.
O primeiro gol chegou no minuto 11 de xogo e o segundo no 28. Tentou reaccionar o Campo Lameiro, pero a expulsión do seu porteiro, Vivar, antes do descanso terminou coas súas opcións. O marcador completouse co terceiro gol do Erizana no tramo final do encontro, aos 78 minutos.
A pesar da derrota o Campo Lameiro mantense na décima posición con 30 puntos.
Consulta a acta do Erizana-Campo Lameiro.
Mala xornada tamén para o Unión Grove, que non conseguiu remontar o resultado ao Mondariz a pesar de xogar durante case toda a segunda metade en superioridade numérica (2-1).
Os locais foron mellores no inicio do partido e con dous goles nos minutos 20 e 27 tomaron vantaxe.
Rubén ao comezo do segundo acto recortou distancias e o cadro meco lanzouse a por o empate, pero sen atopar premio á súa insistencia.
Coa derrota o Unión Grove cae á sétima praza con 42 puntos.