Caen Ribadumia e Céltiga, afúndese o Villalonga e rescata un punto no desconto o Arosa
Por Redacción
Xornada que serve para practicamente sentenciar a un Villalonga que posiblemente deixase pasar o seu último tren perdendo en San Pedro co pechacancelas Noia. Derrotas tamén de Ribadumia e Céltiga ante dous dos aspirantes aos postos de honra como Barco e Silva, mentres o Arosa salvaba un punto no desconto no sempre complicado campo do Choco.
Na Senra viuse unha primeira parte movida e con alternativas. Cristóbal Juncal abría o marcador aos 26 minutos e Santi conseguía o empate para o Ribadumia aos 32.
Á volta de vestiarios o Barco logrou o gol que lle daría o triunfo, por medio dun penalti transformado tamén por Cristóbal Juncal.
Consulta o acta do partido Ribadumia-Barco nesta ligazón.
En San Pedro enfrontábanse os dous últimos equipos da táboa e o Noia, case deshauciado, profundou na grave ferida do Villalonga, arrastrándolle con el de non xurdir un milagre ao descenso de categoría. A vitoria visitante non lles serve de moito, pero polo menos dálles unha mínima esperanza, mentres que os celestes seguen sumando xornadas (xa levan 17) sen conseguir gañar un partido.
Tras unha primeira parte marcada polos nervios, Nando adiantaba ao Noia aos 61 minutos. Pouco despois Pintos vía a segunda amarela, deixando ao Villalonga en inferioridade e cos nervios a flor de pel, tanto que dous minutos máis tarde de quedar con 10, os locais encaixan o segundo e definitivo gol, materializado por Stefan.
Non terminaron aí as desgrazas para o equipo celeste, que no desconto sufría unha segunda expulsión, tamén por dobre amoestación de Javichu.
Consulta o acta do partido Villalonga-Noia nesta ligazón.
Santa Mariña é un campo sempre complicado para calquera rival e nesta ocasión reiterou tal condición. O Choco levou o partido onde convíñalle e estivo a piques de conseguir un triunfo que se lle escapou no desconto. Óscar Comis adiantada aos redondelanos no minuto 67, obrigando ao Arosa a irse arriba.
Fixérono ben os arlequinados, que non desistiron nunca, a pesar de que o tempo se lles botaba encima, ata que cando parecía que a vitoria quedaría na casa, os de Jorge Otero fixeron honra á súa condición de reis do empate rescatando un punto xa no desconto, grazas a un gol de Sidibé.
Consulta o acta do partido Choco-Arosa nesta ligazón.
Apenas cinco minutos bastáronlle ao Silva para desfacerse do Céltiga na Grela. O equipo coruñés regresou á senda do triunfo dúas xornadas despois, reafirmando as súas aspiracións de play- off, tras un partido igualado, cos visitantes ben posicionados, pero sen capacidade de reacción ante os dous tantos locais.
Co marcador aínda en empate, Adrián Camiño tería unha boa oportunidade, pero o seu disparo saíu fóra por pouco, ata que aos 20 minutos o Silva, que xa pasara a dominar o xogo abriría o marcador cun gol de Cañi, que chegaba tras un corner que Movilla peiteou cara ao segundo pau, onde apareceu Cañi para rematar, véndose beneficiado polo rebote do balón nun defensa do Céltiga, deixando a Manu Táboas sen posibilidade de reaccionar.
Non foi capaz de asimilar o golpe o Céltiga, e cinco minutos máis tarde encaixaba o segundo como consecuencia dunha contra que terminou cun pase en profundidade de Cañi a Movilla con centro atrasado deste que Marcos Gómez aproveitou para marcar a porta baleira.
A segunda parte foi de control do Silva ante un Céltiga que adiantou liñas, pero non conseguiu crear demasiado perigo.
Consulta o acta do partido Silva-Céltiga nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Arosa e Céltiga conseguen triunfos para soñar, Ribadumia arranca un punto e Villalonga cae goleado
Por Redacción |
-
O Arosa imponse o Ribadumia nun disputado derbi e empates con distinto sabor para Céltiga e Villalonga
Por Redacción |
-
Gaña o Ribadumia na Illa, o Arosa remonta no desconto e o Villalonga segue en caída libre
Por Redacción |
-
Importantes triunfos de Arosa e Céltiga e empates de mérito para Ribadumia e Villalonga
Por Redacción |
-
O Arosa remonta gañando sobre a bucina ao Villalonga, polémica derrota do Ribadumia e cae o Céltiga
Por Redacción |
-
Non pode o Ribadumia co líder, o Céltiga respira a costa do Villalonga e tropeza o Arosa na casa
Por Redacción |