Poio Pescamar repite proeza e volve gañar a domicilio o líder Atlético Navalcarnero (2-3)
Por Redacción
Despois de seis xornadas sen coñecer a vitoria, o Poio Pescamar escolleu o rival e a pista máis complicada para reencontrarse co triunfo, ao impoñerse por segundo ano consecutivo na pista do líder Atlético Navalcarnero, apertando ao máximo a loita polo título.
Se a tempada pasada as mozas de Marcio Santos xa conseguiran romper a imbatibilidade do cadro branquivermello, nesta ocasión repetiron proeza, vencendo novamente a un equipo que en toda a primeira volta só perdera un partido.
As "rojillas" adiantáronse cun gol de Iria Saeta, aproveitando unha mala saída de Marta Balbuena para plantarse a porta baleira e anotar con comodidade. Con todo, o dominio branquivermello tería pronto premio co tanto do empate obra de Amelia ao rematar no segundo pau a pase de María Sanz. As madrileñas envorcábanse sobre a portería dun Poio que optaba por esperar en cancha propia as acometidas locais.
Na segunda parte, aos 23 minutos chegaba a xogada clave, na que as branquivermellas celebraban un tanto que anulaban os colexiados. As xogadoras visitantes estiveron moi atentas e mentres os seus rivais celebraban o gol invalidado, puxeron con rapidez o balón en xogo, para que Ale de Paz adiantase de novo ao seu equipo.
As madrileñas volveron dominar, pero sen ser capaces de aproveitar as súas ocasións, estrelándose ante Silvia, á que non puideron superar nin sequera de penalti.
O Poio Pescamar aguantou ben e nunha contra Jenny de cabeza a pase de Ceci, facía o terceiro para as visitantes.
Pouco despois o líder optou polo xogo de cinco, pero só puido reducir diferenzas cun gol de Leti, cando quedaba pouco máis dun minuto para o final.
ATLÉTICO DE MADRID NAVALCARNERO (2): Marta Balbuena; Amelia, Ju Delgado, Leti e Marta Pelegrín (quinteto inicial). Tamén xogaron, Desi, María Sanz, Nerea Moldes, Bruna e Ari.
POIO PESCAMAR (3): Silvia; Iria Saeta, Ale de Paz, Jenny e Ceci (quinteto inicial). Tamén xogaron, Jessy e Cárol.
Árbitros: Cristian Gómez García e Jorge Moreno Durán (Madrid). Amoestaron a Jenny no Poio Pescamar e a Ju Delgado no Atlético Navalcarnero.
Goles: (0-1) Minuto 4: Iria Saeta. (1-1) Minuto 6: Amelia. (1-2) Minuto 23: Ale de Paz. (1-3) Minuto 32: Jenny. (2-3) Minuto 39: Leti.
Incidencias: Pavillón a Estación (Navalcarnero). Uns 400 espectadores.
Relacionadas:
-
O Cidade das Burgas, rival do Poio Pescamar en liga e na fase final da Copa Xunta
Por Redacción |
-
Poio Pescamar dá a de area e cae ante Penya Esplugues (1-4)
Por Redacción |
-
A segunda volta arranca para o Poio Pescamar con reforzo e visita ao líder
Por Redacción |
-
Segue en horas baixas o Poio Pescamar cedendo tamén en Murcia (4-3)
Por Redacción |
-
Universidad de Alicante convértese na particular "besta negra" do Poio Pescamar (1-3)
Por Redacción |