Importantes triunfos de Arosa e Céltiga e empates de mérito para Ribadumia e Villalonga
Por Redacción
Boa xornada en Terceira División, con resultados positivos para Arosa, Céltiga, Ribadumia e Villalonga, aínda que con distinto sabor por aquilo das necesidades duns e outros. Os vilagarciáns achéganse ao play-off, aproveitando os tropezos dos equipos que lle preceden, os da Illa afastan os postos de descenso, dos que o Ribadumia mantén distancia e o cadro celeste segue sen gañar, pero rabuña un punto contra prognóstico en Cangas.
Na Lomba o Arosa deuse un festín á conta do Arenteiro e os seus afeccionados puideron por fin gozar unha tarde tranquila, con cómodo triunfo dos de Jorge Otero, que tiveron en Javi Pazos, autor de tres goles, á súa referencia ofensiva.
Os do Carballiño deixaron evidencia dos seus problemas defensivos que lle fan ser o terceiro equipo máis goleado da categoría, e mesmo puideron recibir un castigo máis amplo.
Javi Pazos iniciaba o seu recital particular aos 22 minutos e apenas seis minutos máis tarde facía o segundo, para irse ao descanso con ese 2-0 que deixaba as cousas claras.
Na segunda parte, aos 69 minutos chegaba o "hat-trick" do dianteiro local, ao transformar un penalti, pechando a conta Marcos no minuto 85.
Consulta o acta do partido Arosa-Arenteiro nesta ligazón.
Remontou o Céltiga o gol inicial do Choco no Salvador Otero para sumar tres importantísimos puntos que lle afastan da zona de descenso, nun partido disputado e con arbitraxe moi protestada polos redondelanos, que terminaría coa expulsión do seu adestrador Marcos Montes.
Vilas coseguía o gol do Choco, aos 32 minutos, pero o Céltiga logrou o empate pouco antes do descanso, nunha xogada desgraciada da zaga visitante, que terminaba con gol en propia porta de Yago Vázquez.
Adrián Camiño completaba a remontada insular aos 69 minutos. Desde aí ata o final, o Céltiga defendeuse con apuros pero con éxito, para conseguir a vitoria.
Consulta o acta do partido Céltiga-Choco nesta ligazón.
Segue sen gañar o Villalonga, que ve como a salvación afástase cada vez máis, aínda que nesta xornada conseguiu un bo punto no sempre complicado campo do Morrazo, fronte a un Alondras que se adiantou por dúas veces no marcador.
Os de Antonio marcaban moi pronto, aos 8 minutos, por medio de Jonas, pero Rafa Pérez empataba por primeira vez aos 24.
De novo púxose con vantaxe o Alondras na segunda parte, cun gol de Iván Pérez, logrando o empate definitivo só dous minutos máis tarde Pintos, ao transformar un penalti.
Consulta o acta do partido Alondras-Villalonga nesta ligazón.
Rozou a sorpresa completa o Ribadumia na súa visita ao Alcalde Manuel Candocia, conseguindo un empate que sabe a pouco, se se ten en conta que o Somozas foi quen conseguiu a igualada final, cando estaba en inferioridade numérica ao ser expulsado por dobre amarela Hugo Criado.
Óscar abría o marcador para o conxunto local aos 36 minutos de partido, empatando tras o descanso Hugo Soto para o Ribadumia aos 66.
Completaba a remontada o equipo aurinegro no minuto 72 cun gol de Pablo Mota, pero apenas dous minutos máis tarde, e xogando xa con dez homes sóbre o campo, Duque establecía o empate final.
Consulta o acta do partido Somozas-Ribadumia nesta ligazón.
Relacionadas:
-
O Arosa imponse o Ribadumia nun disputado derbi e empates con distinto sabor para Céltiga e Villalonga
Por Redacción |
-
Gaña o Ribadumia na Illa, o Arosa remonta no desconto e o Villalonga segue en caída libre
Por Redacción |
-
Caen Ribadumia e Céltiga, afúndese o Villalonga e rescata un punto no desconto o Arosa
Por Redacción |
-
O Arosa remonta gañando sobre a bucina ao Villalonga, polémica derrota do Ribadumia e cae o Céltiga
Por Redacción |
-
Non pode o Ribadumia co líder, o Céltiga respira a costa do Villalonga e tropeza o Arosa na casa
Por Redacción |
-
Suso Martínez desvincúlase do Arosa "por motivos persoais"
Por Redacción |