Triunfo vital para o Pontevedra Mareantes ante o CRAT de Coruña no seu primeiro partido do ano
Por Redacción
Era só o primeiro partido de 2018 para o Pontevedra Mareantes, pero tratábase dunha cita clave para o seu futuro deportivo e a moeda saíu cara.
O club pontevedrés superou o filial do CRAT Coruña no campo de Monte Porreiro (27-6) para lograr o seu segundo triunfo da liga e superar na táboa ao seu rival, afastándose así da zona de descenso.
Arrincaron con determinación os locais e así no segundo minuto conseguían xa o primeiro ensaio e comezaban dominando no marcador. Ese dominio evidenciábase tamén no xogo, aínda que o fallo dos pateadores para conseguir os puntos adicionais de transformación e os golpes de castigo en contra en defensa facían que a distancia non se consolidase. Foi así ata que no minuto 25 o Pontevedra Mareantes facía o seu cuarto ensaio, asegurando o bonus ofensivo.
Tras o decanso o choque baixou en ritmo, cos locais controlando e redondeando o resultado cun ensaio con transformación que poñía o 27 a 6 final.
Desta forma, coa vitoria e o bonus, o Pontevedra Mareantes ascende á cuarta posición da Primeira División Galega con 14 puntos, tres máis que o CRAT e cinco que o último clasificado, o Coreti Lalín.