O Marcón reponse cunha goleada en Mondariz e o Sanxenxo pon fin á súa mala serie ante o Beluso
Por Redacción
Esqueceu rápido o Marcón Atlético a dura derrota encaixada hai unha semana e fíxoo da mellor maneira, cunha goleada a domicilio ante o Mondariz (0-4).
O duelo comezou igualado, pero os pontevedreses empezaron a desnivelalo pouco antes do descanso cos goles de Martín e Pablo, supoñendo este último un duro golpe para os locais.
A pesar de todo o Mondariz tentou repoñerse no segundo acto, aínda que se atopou cunha sólida versión do Marcón que terminou sentenciando na recta final cun dobrete de Sapi.
Coa vitcoria os de Borja Burgos ascenden á décima posición da clasificación de Preferente con 27 puntos, cunha vantaxe de 10 puntos sobre a zona de descenso directo.
Consulta a acta do Mondariz-Marcón Atlético.
Balón de osíxeno para o Xuventú Sanxenxo, que puxo fin á súa mala serie de resultados ao vencer en Baltar de Arriba ao Beluso (3-1).
Javi Nogueira aos 17 minutos de xogo adiantaba aos amarelos, mentres que Aitor Goméz de penalti á media hora facía o segundo e empezaba a decantar o encontro.
Reaccionou o Beluso tras o descanso e logrou recortar distancias cun gol de Manu Freire no 64 que devolveu a emoción ao xogo ata que Héctor, xa no 84, facía a sentenza.
Grazas ao triunfo o Xuventú Sanxenxo mantense sétimo con 37 puntos, mentres que o Beluso é noveno con 28 puntos.
Consulta a acta do Xuventú Sanxenxo-Beluso.
Mantén o pulso na zona de play- off o Unión Grove ao demostrar a súa solidez cun traballado triunfo fóra da casa, ante o Gondomar (1-2).
O gol de Dieguito no último minuto decidiu o partido e vale ouro para o cadro meco, que segue cuarto con 41 puntos, a un do ascenso directo.
O Grove adiantouse no minuto 19 por medio de Rubén, pero os locais igualaron antes do descanso dando paso a un segundo tempo pelexado de poder a poder e que terminou por decidirse nos instantes finais en favor do Unión.
Consulta a acta do Gondomar-Unión Grove.
Derrota do Campo Lameiro na súa visita ao campo do Moaña (3-1) nun duelo que estivo marcado polas expulsións.
Os verdes quedaron sen capacidade de reacción na segunda metade, terminando con oito xogadores sobre o terreo de xogo.
A pesar diso Ángel Corbacho no 59 maquillou un resultado que se puxo case imposible de remontar cos tres goles locais nos primeiros 35 minutos.
Tras este resultado o Campo Lameiro é undécimo na táboa con 27 puntos.