Non pode o Ribadumia co líder, o Céltiga respira a costa do Villalonga e tropeza o Arosa na casa
Por Redacción
Resultado engañoso. En San Lázaro o líder Compostela impúxose a un Ribadumia notable en case todo menos no acerto ante a portería contraria. A goleada coa que terminou o partido non reflicte a igualdade existente sobre o cesped.
Un erro na saída de balón, cando o primeiro tempo tocaba ao seu fin e unha contra cando se cumpría a hora de xogo, inclinaron o choque en favor dun Compostela que ata entón estrelarase cun sensacional Iván Parada e un Ribadumia valente, que lle disputou o control da zona ancha, pero fallou nas claras ocasións das que dispuxo.
Aos 14 minutos Rubén mandaba un balón ao poste e superada a media hora Iván Parada comezaba a súa recital salvando un remate de Primo, para repetir pouco despois, evitando o gol local co pé, nun disparo a pracer de Samu.
Pero no último minuto antes do descanso, Fran Fandiño comete un erro na saída de balón, permitindo recuperar a Saro, que combinou con Primo e este cedeu para que Santi Gegúndez abrise o marcador.
Na segunda parte o Ribadumia saíu decidido, adoptando riscos que propiciaron unha contra na que o Compostela conseguía o segundo, por medio de Róber, a centro de Rubén.
Logo comezarían as ocasións máis claras para o Ribadumia, que non soubo aproveitar. Hugo Soto disparaba ao poste, mentres que o mesmo Hugo Soto e Rubén Cerqueiras vían como Lucas e Álvaro Casas sacaban baixo paus os seus remates, impedindo que os visitantes inquietasen.
Xa nos instantes finais, o Compostela sentenciaba por medio dun penalti cometido sobre Primo, que o mesmo se encargou de transformar, para terminar o Ribadumia, desesperado, en inferioridad ao ser expulsado Cerqueiras, por unha entrada sobre Cardeñosa.
Consulta o acta do partido Compostela-Ribadumia nesta ligazón.
Segue en caída libre o Villalonga que non gaña desde o 1 de outubro, 14 xornadas e case tres meses e medio, o que leva aos de San Pedro a ocupar a posición de vicecolistas. Neste caso o beneficiado foi o Celtiga, que aproveitou a visita dos celestes ao Salvador Otero para sumar tres importantes puntos que lle permiten abrir oco coa zona de descenso.
O partido foi o esperado ante a necesidade de ambos rivais. Os isleños sufriron para inclinar a balanza ao seu favor e non o lograron ata o minuto 73, grazas a un solitario gol de Adrián Camiño.
Os nervios finais tiveron consecuencias desagradables para o Villalonga, que no desconto perdía ademais por dobre amarela ao seu goleador Aarón Paredes.
Consulta o acta do partido Céltiga-Villalonga nesta ligazón.
Non acaba de atopar o rumbo o Arosa que se viu sorprendido por un Negreira en postos de descenso e que chegaba á Lomba como rival propicio para que os de Jorge Otero sumasen os tres puntos.
O conxunto arlequinado non puido pasar do empate, nin sequera malia xogar case 25 minutos en superioridade ao ser expulsado con vermella directa o xogador visitante Pablo Vidal.
Adiantouse o Negreira pouco antes do descanso por medio de Juan Castro e o Arosa só puido empatar grazas a un penalti transformado por Javi Pazos aos 70 minutos.
Con este resultado, os vilagarcianos quédanse xa a nove puntos dos postos de play-off.
Consulta o acta do partido Arosa-Negreira nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Caen Ribadumia e Céltiga, afúndese o Villalonga e rescata un punto no desconto o Arosa
Por Redacción |
-
Importantes triunfos de Arosa e Céltiga e empates de mérito para Ribadumia e Villalonga
Por Redacción |
-
O Arosa remonta gañando sobre a bucina ao Villalonga, polémica derrota do Ribadumia e cae o Céltiga
Por Redacción |
-
Suso Martínez desvincúlase do Arosa "por motivos persoais"
Por Redacción |
-
Sofre pero gaña o Ribadumia, empate meritorio do Villalonga e o Céltiga dá vida ao Negreira
Por Redacción |
-
Non saca proveito o Arosa dun Ourense en horas baixas (1-1)
Por Redacción |