Un Pontevedra en inferioridade desde o primeiro tempo cae coa cabeza alta en Burgos (3-1)
Por Redacción
Dous equipos de circunstancias para afrontar unha incómoda eliminatoria de Copa Federación, que, a pesar dos numerosos cambios en ambas as formacións, o Burgos tomouse inicialmente máis en serio que un Pontevedra descafeinado e mostrando menos argumentos competitivos nesa habitualmente chamada "segunda unidade" que a do conxunto burgalés, ainda que amosando orgullo e ganas.
Se a iso engadimos a temperá expulsión de Álex Fernández, imprudente el ao protestar unha decisión arbitral estando amoestado, que deixou aos granates en inferioridade antes do descanso, a consecuencia é unha eliminatoria moi costa arriba na que o partido de volta a disputar en Pasarón, inicialmente o próximo 24 de xaneiro, obriga aos granates a buscar unha complicada remontada para seguir adiante na competición.
De saída os galegos expuxeron un partido desde a posesión de balón, sen présas, pero esa formulación pronto se lle veu abaixo cando o Burgos, habitualmente pelexado co gol, lograba marcar na súa primeira aproximación. Fíxoo tras unha xogada de Manzano que culminou Cusi cun tiro raso.
Tentou reaccionar o conxunto visitante e Etxániz buscou fortuna sen éxito aos 19 minutos, rematando fora e logo tívoa tamén Lezcano, un dos seus xogadores máis activos, pero non puido rematar un bo balón dentro da área e o mesmo Etxániz volvería tentalo á media hora, respondendo con seguridade Diego.
Non obtivera froito o equipo visitante da súa maior posesión e dominio e o Burgos atopouse cun grave erro do xogador granate, Álex Fernández, que terminaría por sentenciar o partido cando aos 38 minutos, tras unha protesta tan absurda como innecesaria e sobre todo imprudente estando xa amoestado, vía o segundo cartón deixando ao seu equipo en inferioridade.
A acción tivo continuidade negativa para os de Luismi, que á saída da falta sinalada polo colexiado nesa acción, encaixaban o segundo tanto. Adrián Cruz poñía un bo centro e Cusi mellorábao cun gran remate de cabeza ante o que nada puido facer Anxo.
Recompuxo liñas o equipo visitante nunha segunda parte na que baixou considerablemente o nivel de xogo, especialmente nos homes de Patxi Salinas, que deron a sensación de dar por bo o resultado o que lle permitiu a un Pontevedra, que gañou cos cambios realizados, non pasar excesivos apuros, aínda que tampouco ter moitas opcións de reducir a súa desvantaxe.
A mellor opción dos galegos foi unha combinación entre Carlos Ramos e Jorge, ao bordo da área, con disparo que detivo o meta burgalés, e outra acción á saída dun corner con tres remates consecutivos errados, o máis claro de Bruno, ata que Diego fíxose co balón.
Pero como as desgrazas case nunca veñen soas, á mala puntería dos galegos uníuselle practicamente no último suspiro unha dose de mala sorte, cando un remate sen perigo dá na man de Bruno sinalando penalti o colexiado. Guaje transformaba levando o 3-0 ao marcador.
E cando todo parecía perdido para un Pontevedra máis que digno, que supliu con orgullo deportivo a súa inferioridade numérica, chegaba o gol que abre unha fiestra á esperanza, xa no desconto, nun sensacional lanzamento de falta de Carlos Ramos, desde a frontal, que salvou a barreira batendo a Diego e premiando polo menos minimamente o bo facer dos granates no segundo tempo.
BURGOS CF (3): Diego; Sergio, Eneko (Campos, minuto 61), Del Álamo, Ayoze, Adrián Cruz (Cantero, minuto 61), Manzano, Cusi, Santa (Íker Hernández, minuto 55), Guaje e Etxarri.
PONTEVEDRA CF (1): Anxo; Cantero (Juan, minuto 46), David Castro, Pacheco, Álex Fernández, Bruno, Lezcano, Carlos Ramos, Etxaniz (Jorge, minuto 61), Iván Martín e Álex González (Adrián León, minuto 46).
Árbitro: Eduardo Calleja Castrillo (Castela-León), auxiliado nas bandas por Víctor Blanco López e Miguel Blanco López. Expulsou por dobre amoestación ao xogador do Pontevedra Álex Fernández (minuto 39). Amoestou a Etxarri, Del Álamo e Cusi, no Burgos, e a Carlos Ramos, no Pontevedra.
Goles: (1-0) Minuto 12: Cusi. (2-0) Minuto 39: Cusi. (3-0) Minuto 88: Guaje, de penalti. (3-1) Minuto 91: Carlos Ramos.
Incidencias: Campo Municipal do Plantío (Burgos). Partido de ida dos oitavos de final da Copa da Real Federación Española de Fútbol. Uns 1.300 espectadores.
Relacionadas:
-
A Copa Federación volve a escena
Por Diego Espiño |
-
Lamentable imaxe na primeira parte dun Pontevedra que toca fondo en Bouzas (2-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
O partido no Baltasar Pujales de Bouzas, unha auténtica 'final' para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra busca no mercado invernal un central, un extremo e "veremos si un delantero"
Por Diego Espiño |
-
Nacho López preséntase co Pontevedra convencido de que "vamos a sacar esto adelante seguro"
Por Diego Espiño |
-
Lupe Murillo confía plenamente en Luismi para sacar adiante ao equipo
Por Redacción |
-
Viaxe vista e non vista a Burgos para a cita copeira
Por Diego Espiño |
-
RADIO.- Luismi relativiza a Copa Federación: "nuestro objetivo es pensar en el domingo"
Por Ramiro Espiño |
-
Un Pontevedra de dúas caras sofre ao comezo e merece máis despois ante o Celta B (1-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |