O Peixe Galego completa unha primeira volta de competición inmaculada
Por Redacción
Segue sen haber quen pare ao Peixe Galego na Liga EBA de Baloncesto, e é que o club marinense acaba de completar unha primeira volta de competición inmaculada.
Os de Javi Llorente arrincaron o ano vencendo este domingo na Coruña para sumar 15 vitorias noutros tantos encontros e confirmarse ata o momento como o gran dominador da categoría.
É certo que o filial do Basquet Coruña chegaba á cita como pechacancelas de grupo, pero iso non quita mérito ao conseguido ata o momento polo conxunto Peixe.
Na cidade herculina os de Marín impuxéronse por un claro 77 a 98 nun choque que dominaron desde o primeiro cuarto (15-26) para ir despois aos poucos ampliando a súa renda co paso dos minutos.
Desmond Simmons (24 puntos e 10 rebotes), Hale-Edmerson (20 puntos, 11 asistencias e 10 rebotes) e Oubiña (18 puntos) lideraron a un equipo no que aínda non puido debutar a súa recente incorporación, o base Jacobo de Benito.
Coa liga regular encamiñada, xa que con tres vitorias de distancia sobre a segunda praza, no Peixe Galego mírase xa de esguello cara ao esperado play-off de ascenso de final de tempada, ao que espera chegar no mellor momento posible para tentar recuperar a categoría perdida no verán nos despachos.
Relacionadas:
-
Antonio Pantín, reforzo para o Peixe Galego pensando na fase de ascenso
Por Redacción |
-
O Peixe Galego trasládase unha xornada máis ao CGTD de Pontevedra
Por Redacción |
-
O Peixe Galego abre brecha co segundo clasificado
Por Redacción |
-
O Peixe Galego trasládase ao CGTD de Pontevedra polas obras na Raña
Por Redacción |
-
O Peixe Galego non se conforma e reforza o seu equipo co base Jacobo de Benito
Por Redacción |