O Marcón vence sobre a bucina ao Gondomar e relánzase xunto a Campo Lameiro e Beluso
Por Redacción
Tres puntos de ouro conseguiu o Marcón Atlético ante o Gondomar (2-1), o seu terceiro triunfo en catro xornadas, que lle relanza na clasificación de Preferente.
Un tanto de Héctor no desconto, na última xogada do partido, resultou decisivo nun duelo xogado de poder a poder.
Ningún equipo aproveitou as súas ocasións na primeira metade, e non foi ata o inicio da segunda cando Sapi poñía en vantaxe aos de Borja Burgos. A alegría durou pouco porque o Gondomar lograba igualar, pero quedaba acto seguido cun futbolista menos sobre o terreo de xogo.
En superioridade os locais foron con determinación a pola vitoria, que se resistiu ata unha última xogada que fixo explotar de alegría ao público doCarrasco.
Con este resultado o Marcón colócase no décimo terceiro posto con 24 puntos, con 7 de vantaxe sobre o descenso directo.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Gondomar.
Co xusto gañou o Campo Lameiro na Chanciña ante o Nogueira de Ramuín (1-0), pero conseguiu tres valiosos puntos que confirman a súa recuperación na liga e achéganlle á zona cómoda da clasificación.
É tamén o terceiro triunfo no últimas catro xornadas, e chegou nun encontro aguerrido e disputado que se decidiu cun gol en propia meta pasada a media hora de xogo.
O cadro visitante, que apenas inquietou no primeiro acto, buscou máis profundidade tras o descanso, pero os verdes defendéronse con acerto e mesmo tiveron ocasións de sentenciar á contra.
Coa vitoria o Campo Lameiro queda situado na duodécima posición con 24 puntos.
Consulta a acta do Campo Lameiro-Nogueira de Ramuín.
Cortou a súa mala serie o Beluso vencendo con autoridade ao Mondariz (3-1) na casa nun choque máis igualado do que reflicte o marcador final.
Os de Bueu adiantáronse aos 13 minutos de xogo por medio de Adrián Cidrás, pero tiveron que empregarse a fondo para sentenciar o encontro, algo que non lograron ata os últimos minutos cando os visitantes buscaban a igualada.
Adrián Estévez no 78 e Dani Pérez no 85 facían que os tres puntos quedasen na casa, deixando unicamente ao Mondariz tempo para maquillar o marcador grazas a un penalti.
Con este resultado o Beluso ponse con 25 puntos na undécima posición.
Consulta a acta do Beluso-Mondariz.
Peor lle foron as cousas ao Xuventú Sanxenxo, que acumula a súa terceira xornada sen gañar ao caer no campo do Caselas (3-1).
Os amarelos fixeron o máis complicado nunha boa primeira metade e adiantáronse ao fío do descanso por medio de Javi Prieto.
Con todo na segunda metade os locais foron a pola remontada e conseguiron voltear o marcador con tres goles nos minutos 65, 82 e 88.
Coa derrota o Sanxenxo cae á sexta posición con 34 puntos.
Consulta a acta do Caselas-Xuventú Sanxenxo.
Duro castigo para o Unión Grove, que se viu superado no Monte da Vila nun duelo directo ante o Bande (0-2).
O equipo visitante tomou vantaxe pasada a media hora de xogo e logrou o seu segundo gol na última xogada do primeiro acto.
Foi un duro golpe para o cadro meco, que tentou reaccionar sen éxito na segunda metade.
Coa derrota o Unión Grove ve cortada a súa boa serie e queda na quinta praza con 35 puntos.