Goleada do Campo Lameiro e empate do Marcón na xornada aprazada de Preferente
Por Redacción
Escapáronlle dous puntos ao Marcón Atlético no Carrasco no encontro de Preferente adiado no seu día polo temporal.
Os pontevedreses tiveron na súa man o triunfo ante un dos conxuntos da zona alta, o Bande, pero un gol en propia meta a falta de tres minutos fixo que se tivese que conformar co empate (2-2).
Martín adiantou aos de Borja Burgos no minuto 39, conseguindo chegar en vantaxe ata o tempo de descanso. Tras o paso por vestiarios o Bande lograba igualar, pero o Marcón só tres minutos despois volvía poñerse en vantaxe, co segundo tanto de Martín (minuto 67).
Os visitantes víanse de novo por baixo e buscaron a igualada, que chegaría no tramo final do choque sen posibilidade de reacción.
Co punto os do Carrasco quedan situados na décimo cuarta praza con 21 puntos, mantendo a súa boa liña das últimas semanas.
Consulta a acta do Marcón Atlético-Bande.
O que despide o ano cun sorriso é o Campo Lameiro, que non tivo piedade do Ribeiro nun encontro xogado tamén este sábado 30 de decembro na Chanciña (5-0).
Sergio, no primeiro minuto de xogo, poñía xa en vantaxe aos verdes, que encarrilarían o choque ao comezo do segundo tempo desde o punto de penalti, cun gol de Fran Galdames.
Aínda que tentou reaccionar o Ribeiro, a expulsión de Ruanova no 62 acabou coas súas esperanzas, xa que os locais aproveitaron para sentenciar co segundo tanto de Galdames e outros dous de Fernando.
Coa vitoria o Campo Lameiro colócase no posto 13 da táboa con 21 puntos, a 4 da zona de descenso directo.