A San Silvestre reclama protagonismo na última semana do ano
Por Diego Espiño
A XXXIV edición da Carreira San Silvestre de Pontevedra encara con ilusión a semana na que se celebrará a popular proba deportiva coa que se despide o ano.
O Concello de Pontevedra acolleu este martes a presentación oficial da carreira, na que se explicou que os cambios no percorrido, ampliándose a 5 quilómetros, buscan "que sea más fluido y más vistoso" mantendo a súa esencia festiva e que "todo el mundo la pueda hacer", explicou Charo Castro, directiva da Sociedad Gimnástica.
Entre os aspectos a destacar da presente edición, con saída como é costume ás 17:00 horas do día 31 de decembro na Avenida Montero Ríos, atópase o servizo de gardarroupa que se ofrecerá no Instituto Sánchez Cantón (desde as 16:00 horas), onde ademais poderanse utilizar as duchas tras a proba.
"É unha carreira que ano a ano vai a máis e se converte nunha auténtica festa do deporte", sinalou á súa vez a concelleira Anxos Riveiro en relación á alta participación que se espera, con 7.000 dorsais dispoñibles, sendo o número 1 a modo de homenaxe para Víctor Riobó, o deportista que máis veces logrou gañala.
Durante os primeiros días de inscricións foron preto de 900 os atletas que se anotaron, pero nos últimos días prevese un aluvión de peticións.
Estas deben formalizarse na Casa da Luz, en horario de 17:00 a 19:30 horas ata o dia 28, o venres 29 e o sábado 30 de 10:00 a 13:30 e de 16:30 a 19:30 horas, e o propio domingo día 31 será posible anotarse de 10:00 a 13:30 horas.
RECOLLIDA SOLIDARIA DE ALIMENTOS
Como é costume, a Sociedad Gimnástica organiza paralelamente unha recollida solidaria de alimentos en favor de RedeAxuda, pedindo tanto ao público como aos participantes que colaboren na iniciativa. Os servizos sociais municipais sinalaron que o leite é un dos alimentos que máis fai falta na actualidade.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- A San Silvestre volve bater récords, con 6.450 corredores
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Dispositivo especial de tráfico con motivo da San Silvestre
Por Redacción |
-
A San Silvestre amplía o seu percorrido nun quilómetro
Por Diego Espiño |
-
As inscricións para a XXXIV San Silvestre de Pontevedra, a partir do día 18
Por Redacción |