O Mapfre destácase na clasificación da Volvo Ocean Race tras gañar a terceira etapa
Por Redacción
Importante paso adiante o dado polo Mapfre na Volvo Ocean Race ao certificar o seu triunfo na terceira etapa da competición.
A embarcación do Real Club Náutico de Sanxenxo, coa pontevedresa Támara Echegoyen entre a súa tripulación, chegou a terra a media tarde deste domingo 24 de decembro (hora española) sendo o primeiro en completar as 6.500 millas náuticas do percorrido entre Cidade do Cabo e Melbourne.
Foron 14 días de navegación atravesando as duras condicións do Océano Sur e ao bordo da liña de exclusión de xeo da Antártida, cun esforzo titánico para superar ao Dongfeng chinés, líder provisional durante a primeira parte da etapa, e dar un golpe de autoridade na Volta ao Mundo a Vela.
No último parte oficial de posicións feito público antes da chegada (14:00 horas do domingo) o Dongfeng mantíñase segundo a 77 millas de distancia e o Vestas terceiro a 109 millas.
A terceira etapa era a primeira que contaba con dobre puntuación, polo que este resultado abre a primeira brecha importante na xeral e confirma ao desafío español no liderado da prestixiosa regata de vela océanica.
Desta forma, cos 15 puntos sumados (14 máis 1 punto extra pola vitoria de etapa), o Mapfre colócase con 29, mentres que Dongfeng e Vestas pasaría a ter 23 puntos.
Tras un merecido descanso en terra, coincidindo coas festas do Nadal, a frota da Volvo Ocean Race volverá botarse á auga o día 2 de xaneiro co inicio da cuarta etapa, con 6.000 millas de percorrido entre Melbourne e Hong Kong.
Relacionadas:
-
O Mapfre gaña unha posición na súa chegada a Hong Kong e mantense líder da Volvo Ocean Race
Por Redacción |
-
Poucas opcións de remontar para o Mapfre no tramo final da Etapa 4 da Volvo Ocean Race
Por Redacción |
-
O barco español, a defender o liderado na cuarta etapa da Volvo Ocean Race
Por Redacción |
-
O Mapfre aproxímase a Melbourne defendendo o seu liderado provisional
Por Redacción |
-
Loita ao límite para o Mapfre no medio do Océano Sur
Por Redacción |
-
Támara Echegoyen, vencedora co Mapfre na segunda etapa da Volvo Ocean Race
Por Redacción |