O Bueu Atlético Balonmán celebra o seu 40 aniversario
Por Redacción
Como 40 anos non se cumpren todos os días, o Bueu Atlético Balonmán preparou unha serie de eventos e actividades para celebrar o seu aniversario ao grande.
Esta programación especial arrinca xa o sábado 23 de decembro cunha xornada de balonmán na rúa que levará a cabo na Praza Massó, entre as 10:30 e as 12:30 horas, e contará ademais con diferentes xogos populares.
O día 29 de decembro o xogador do primeiro plantel Antón Rei, técnico ademais de medio ambiente, impartirá unha charla sobre residuos ambientais e mariños ás 17:00 horas, e despois terá lugar unha festa para todos os equipos de base do club.
Un día despois, o sábado 30 (entre 9:30 e 14:30 horas), o Pavillón Municipal Pablo Herbello acollerá un torneo de base con varios equipos da provincia, e a partir das 16:00 horas un torneo interxeracional con xogadores que formaron parte do club desde a súa fundación no ano 1977.
O colofón chegará o 7 de xaneiro, coa presentación oficial de todos os equipos do Bueu Atlético (10:30 horas) e un amigable ante o Balonmán Cangas da Liga Asobal.