Á caza do novo adestrador
Por Diego Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Pontevedra Club de Fútbol traballa a contrarreloxo na procura do seu novo adestrador, tras a destitución de Luisito. Unha vez tomada a decisión e despois de comunicarlla o martes ao técnico, a actividade intensificouse nos despachos para valorar as diferentes opcións que ofrece o mercado.
De entre os candidatos que se barallaron na contorna do club, e aínda que ningún pode considerarse descartado por completo, dous parecen afastarse de Pontevedra polo seu alto caché ou pretensións deportivas. Un deses casos é o do veterano e carismático David Vidal, sen equipo tras lograr ascender a pasada campaña ao Lorca en dous meses ao cargo do equipo.
O outro é Alberto Toril, adestrador que se deu a coñecer na canteira do Real Madrid ao facerse cargo da súa filial e que a pasada campaña dirixiu ao Elche. O seu perfil era do agrado da dirección deportiva pero a súa esperanza é poder acceder esta mesma campaña a un dos bancos que poida quedar libre na Segunda División.
Desta forma as maiores opcións céntranse no mercado galego, no que asoman nomes como Fredi Álvarez ou José Ramón. O primeiro, responsable a pasada campaña do Boiro en Segunda B pasou por outros clubs históricos da comunidade como o Compostela ou o filial do Celta de Vigo, mentres que o segundo ten experiencia na categoría de bronce co Montañeiros.
Tamén se falou dun vello coñecido da casa granate, José Aurelio Gay, parte da historia do club polo ascenso a Segunda do ano 2004 e cuxa última experiencia profesional foi a de dirixir ao Palencia. No seu caso a súa ocupación actual nunha escola de fútbol fan difícil que pense en iniciar a súa terceira etapa na cidade de Lérez a menos que se lle ofreza un contrato de longa duración.
Pero a lista de candidatos non para de crecer. A ela sumouse tamén nas últimas horas o nome de Rubén de la Red, un home que como técnico apenas achega experiencia, máis aló de adestrar ao xuvenil do Real Madrid e ao Getafe B unha tempada, pero que como xogador tivo unha brillante carreira truncada por problemas de saúde, cando militaba no Real Madrid, ademais de ser internacional absoluto con España, coa que gañou a Eurocopa de 2008.
Varias frontes abertas e opcións que seguen a valorar tanto o responsable da dirección deportiva, Roberto Feáns, como a presidenta Lupe Murillo, coa intención de que o novo adestrador poida facerse cargo do equipo o vindeiro martes 26 de decembro, data na que o primeiro plantel regresará aos adestramentos.
Relacionadas:
-
Luismi asume o mando no Pontevedra á espera do novo adestrador
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- Luisito despídese "cunha mochila cargada de orgullo" por ter adestrado "a un club inmenso"
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |
-
Un final gris que embaza tres anos de paixón na banda
Por Diego Espiño |
-
Luisito xa non é adestrador do Pontevedra
Por Diego Espiño |