Cara para Ribadumia e Arosa, cruz para Villalonga e empate de Céltiga na xornada de Terceira División
Por Redacción
Importante vitoria a conseguida polo Ribadumia na Senra ante un duro rival como o Boiro (2-1) que permite aos aurinegros aumentar a 10 puntos a súa distancia coa zona de descenso directo.
Foi un encontro serio dos locais, que encamiñaron nunha notable primeira metade pero no que tiveron que manter a concentración ata o asubío final.
Hugo Soto pouco antes da media hora de xogo poñía e vantaxe ao Ribadumia, e Cerqueiras no 36 facía o segundo empezando a decantar o resultado.
Así se chegou ao descanso, pero o Boiro saíu no segundo acto disposto a non renunciar ao partido e Cano, en só 4 minutos, recortaba distancias e poñía emoción ao marcador. Desde entón os visitantes buscaron sen éxito a igualada ante un Ribadumia que se defendeu con acerto.
Consulta a acta do partido Ribadumia-Boiro nesta ligazón.
Goleada reparadora do Arosa para retomar o pulso á competición tras dous empates consecutivos, ao impoñerse a domicilio no campo do pechacancelas da liga, o Noia (0-4).
O cadro arlequinado, a pesar do claro do resultado final e a que buscou desde o inicio o gol, non foi capaz de marcar diferenzas ata o segundo acto. Fíxoo ademais con dous goles en dous minutos que resultaron un mazazo para e ánimo local.
Sylla primeiro e Julio Rey despois encarrilaban o encontro mediado o segundo tempo, sentenciando nos minutos finais Javi Pazos cun dobrete que completou a goleada e que devolve a confianza aos de Jorge Otero.
Con este resultado o Arosa queda situado na novena praza con 30 puntos, a sete do play-off.
Consulta a acta do partido Noia-Arosa nesta ligazón.
Peor lle foron as cousas ao Villalonga, que non levanta cabeza e afúndese na zona de descenso tras perder con contundencia ante o Somozas (0-3).
É a sétima derrota consecutiva dos celestes, aos que non lle saíu nada e comezaron a desesperarse tras o tanto de Gerardo ao cuarto de hora de xogo.
Co 0-1 os locais repuxéronse e tentaron ir a por o gol do empate, pero o marcador non se moveu ata o descanso. Xa na segunda parte, Alejandro Pérez aos 62 minutos e de novo Gerardo, esta vez desde o punto de penalti no 68, sentenciaban o duelo.
O Villalonga queda así no posto 17 da clasificación con 14 puntos.
Consulta a acta do partido Villalonga-Somozas nesta ligazón.
A xornada de Terceira División pechouna o Céltiga en Ourense, onde salvou un punto nun encontro que tivo ata dúas veces na contra (2-2).
O Ourense CF adiantouse aos 3 minutos de xogo. Os da Illa tiveron que superar o golpe pero lográrono para igualar no ecuador do primeiro tempo por medio de Calvar.
A historia repetiuse tras o descanso, e os locais tomaron de novo vantaxe nas primeiras accións. De novo tocaba remontar e a fortuna aliouse co Céltiga xa que conseguían rescartar polo menos o empate cun en propia meta no minuto 64.
Tras o empate e Céltiga queda situado na décimo cuarta posición con 20 puntos.
Consulta a acta do partido Ourense CF-Céltiga nesta ligazón.
Relacionadas:
-
Suso Martínez desvincúlase do Arosa "por motivos persoais"
Por Redacción |
-
Sofre pero gaña o Ribadumia, empate meritorio do Villalonga e o Céltiga dá vida ao Negreira
Por Redacción |
-
Non saca proveito o Arosa dun Ourense en horas baixas (1-1)
Por Redacción |
-
Empata o Arosa, importante triunfo do Céltiga e contundentes derrotas de Villalonga e Ribadumia
Por Redacción |
-
Gaña e respira o Ribadumia, empata o Arosa en Carballo e caen Villalonga e Céltiga
Por Redacción |
-
O Arosa golea ao Céltiga, o Ribadumia non pode co líder e o Villalonga entra en crise
Por Redacción |